publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Turismo de Galicia renova o seu compromiso de promoción coa Romaría Viquinga de Catoira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAxenda e CulturaCatoiraLocal Portada
A-
A+

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, asinou hoxe un convenio de colaboración co Concello de Catoira co que se renova o compromiso do Goberno galego coa promoción da Romaría Viquinga, unha das festividades galegas pioneira en ser recoñecida Festa de Interese Turístico Internacional.

Esta celebración foi a segunda en obter este recoñecemento hai xa máis de 15 anos e a primeira da provincia de Pontevedra, onde tamén teñen hoxe en día esta distinción a Rapa das Bestas de Sabucedo, o Corpus Christi de Ponteareas e a Festa da Arribada da Carabela Pinta de Baiona. O respaldo da Administración autonómica coa Romaría Viquinga materializouse hoxe co acto de sinatura dun convenio entre Turismo de Galicia e o Concello de Catoira, en virtude do cal a Xunta achegará 40.000 euros para colaborar na organización.

A directora de Turismo de Galicia Nava Castro puxo en valor a importancia desta festividade porque, como dixo, “está a levar o nome de Galicia, da provincia de Pontevedra e particularmente do concello de Catoira e a Ría de Arousa por todo o mundo converténdose nunha opción turística de primeiro nivel”, indicou Nava Castro.

Promoción da Ría de Arousa

Neste sentido, salientou a contribución da Romaría Viquinga para que Galicia continúe a avanzar no seu obxectivo de converterse cada vez nun destino máis internacional. Recordou o compromiso da Xunta, incluído na Estratexia de turismo de Galicia 2020, por conseguir que un terzo dos viaxeiros que cheguen a Galicia sexan estranxeiros. “Con festas como esta estamos a dar pasos certeiros para acadalo”, explicou.

A Romaría Viquinga –que se celebrará o 5 de agosto- é unha das nove festas galegas de Interese Turístico Internacional. Reúne ano a ano a milleiros de visitantes converténdose nun recurso para a proxección de Catoira, da ría de Arousa e da provincia pontevedresa. Galicia conta nestes momentos con 141 festas que gozan dalgún tipo de interese turístico repartidas polas catro provincias. Ás de Interese Turístico Internacional, súmanse 12 de Interese Turístico Nacional e 120 de Interese Turístico de Galicia.

19 de xullo de 2018 | 14:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.