publicidade hoxe

Xosé Vázquez Pintor presenta en Cangas o poemario infantil “Canta o Cuco”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCangasLocal PortadaPortada dereita
A-
A+
Portada libro "Canta o cuco"

Portada libro “Canta o cuco”

A Casa da Cultura de Cangas acolle o mércores 20 de xuño, ás 20.00 h, a presentación do poemario infantil “Canta o cuco” publicado por Edicións Fervenza. Trátase da última obra de Xosé Vázquez Pintor, un compendio de versos para cativos que se acompañan de ilustracións realizadas polos alumnos e alumnas de 2º de Primaria do CEIP Nazaret de Cangas.

No acto, que estará aberto ao público ata completar aforo, contarase cun recitado de poemas a cargo de alumnos e alumnas do CEIP Nazaret de Cangas e co acompañamento musical de Sara Malvido e o grupo da escola infantil da ACF Tromentelo. 

A obra 

Esta publicación é máis ca un fermoso libro de poemas, pois é unha ilusión que se materializa. É case máxico, porque máxicos son os encontros de Xosé Vázquez Pintor cos nenos e as nenas. E así o foi o encontro cos alumnos e alumnas de 2º de Primaria do CEIP Nazaret de Cangas, pois que un poeta chegue a unha aula cun feixe de poemas escritos para a ocasión non é en absoluto algo usual; é algo extraordinario. Un proxecto que destaca pola xenerosidade e a ilusión do autor, mais tamén a entrega e o bo facer de todas as nenas e os nenos que coa súa creatividade e intelixencia deron forma e cor aos versos. A lectura deste libro pretende levarnos a pensar e a reflexionar no que temos ao redor: a natureza, os animais, a lingua, a nosa Terra… Que nos toque fondamente e que nos axude a medrar. 

O autor 

Xosé Vázquez Pintor, Melide, 30 de novembro 1946. A Terra do Medio e O Morrazo son os seus lugares de acollida. Licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación. Reside en Cangas. 

Poesía: Gándaras (1971), Terra e pan (1975), O espertar tamén é noso (1977), Ofidios de diario (1984), No corazón mancado (1989), Na vertical da noite (1989), Rotación violeta (1996), Banzados (2001), Anuncian aves (2003), Os versos do zapateiro (2010), Seara – Obra poética (Espiral Maior, 1971-2011), Bicos (Edicións Fervenza, 2016). Premios: Eduardo Pondal, 1981, Edicións do Cerne 1984 (Ofidios de diario). Premio Cidade de Ourense (Na vertical da noite); edición Concello de Ourense 1989. Premio Esquío (No corazón mancado), Asociación Cultural Valle Inclán, Ferrol, 1990. I Premio Uxío Novoneyra (Banzados), Espiral Maior. 

Narrativa: De ida e volta (Edicións Castrelos, colección “O moucho” 1975), Lume de biqueira (Ed. Xerais, 1999), Quen faga voar (Laiovento Edicións, 2000), A memoria do boi (2001), Mar de bronce (Ed. Xerais 2003), Para dicir abril (Ed. Sotelo Blanco, 2007), Máis vidas (Ed. Espiral Maior 2009), Antípodas (Ed. Xerais 2015). Premios: Carvalho Calero 2000 (Quen faga voar), Torrente Ballester, Premio da Crítica Española (A memoria do boi), Vicente Risco (Para dicir abril). 

Ensaio: Os vellos oficios (Ed. Xerais, 1996), A tribo sabe (Ed. Xerais, 1999) Tal era vivir (Ed. Xerais 2004). Premio Torque de prata. Artesáns de Tui. “Xosé Vázquez Pintor: La memoria que reconstruye un mundo”. Yanelis Velazco Fajardo. Cátedra de Cultura Gallega-Facultad de Artes y Letras. Universidad de La Habana. Editorial Arte y Cultura: “Camiño sobre o Charco“. Feira Internacional do Libro. La Habana. Galicia País invitado. “A terra do medio” Viaxes Literarias. Edicións “A NosaTerra”. 

Teatro: A fraga encantada (segundo premio “O Facho”, de teatro infantil, A Coruña,1983. Edicións Fervenza) Asubío, Fina e Petra eran xente moi lareta (Ed. Everest-Galicia 2006). Sala de espera (Ed. Fervenza, 1990). A sombra da memoria, finalista do “Premio Rafael Dieste, 1999” (Ed. Fervenza, 2004). Teatro do patacón (Os pés do vento) Ed. Fervenza 2008. Nos espazos do soño ( Ed. Fervenza, 2016). A folla seca. Ilustracións de María Sánchez Lires. “Sotelo Blanco Edicións” 2002. 

Xornalismo: Columnas de papel 1 (1987-1993), Columnas de papel 2 (1993-2012). Edicións Morgante, 2014. Cangas do Morrazo. Pontevedra.

19 de xuño de 2018 | 15:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.