publicidade hoxe

Política Social colabora con Ategal en actividades formativas que promoven o envellecemento activo de máis de 220 persoas maiores en Ourense

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A Consellería de Política Social está a colaborar coa Asociación Cultural Galega de Formación Permanente de Adultos (Ategal) para promover actividades nas que poidan participar os maiores galegos co fin de promover o envellecemento activo. Así o destacou a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, na clausura do curso 2017-18 das aulas da terceira idade na cidade das Burgas, que contou con 220 persoas matriculadas. De feito, no presente exercicio de 2018 Política Social incrementou nun 5% a contía da achega económica a esta entidade, ata situala nos 82.000 euros anuais.

Díaz Mouteira destacou que actuacións deste tipo promoven a participación e a inclusión social das persoas maiores, que son “peza esencial” para a nosa sociedade e que a súa atención é un dos obxectivos prioritarios das políticas sociais da Xunta de Galicia.

Marisol Díaz fixo especial fincapé na importancia dos programas de educación sénior á hora de lograr o envellecemento activo e subliñou que a programación de Ategal “contribúe a fomentar as relacións e a solidariedade interxeracional”. Deste xeito, sinalou que os valores e actividade desta organización se encadran nos obxectivos que procura a Estratexia Galega de Envellecemento Activo que está a desenvolver a Xunta e as entidades do terceiro sector e que se fundamenta en catro eixos básicos: o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e segura; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades.

“O noso obxectivo é garantir a protección dos dereitos dos maiores, impulsar a súa participación na sociedade e sentar as bases dun envellecemento activo, san, saudable e feliz”, apuntou a delegada territorial.

O acto contou tamén coa intervención do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez; do presidente honorífico e do presidente de Ategal, Rafael Romero e Ángel Fagilde, respectivamente; e da coordinadora das Aulas en Ourense, Maria Luisa Justa.

13 de xuño de 2018 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.