publicidade hoxe

Artesanía de Galicia participa no Serán 01 que se celebra na Cidade da Cultura esta fin de semana

A Consellería de Economía, Emprego e Industria colabora co evento “Serán 01. I Encontro Galego de Cultura Popular”, que se celebra esta fin de semana na Cidade da Cultura de Galicia para amosar a riqueza da etnografía e o folclore tradicional galego, así como para conmemorar a próxima declaración do baile galego como Ben de Interese Cultural. No evento están presentes unha vintena de artesáns profesionais galegos especializados nos oficios relacionados coa indumentaria tradicional e cos instrumentos musicais tradicionais.

A Fundación Artesanía de Galicia participa no programa de actividades a través da organización dun obradoiro para todos os públicos sobre a elaboración de calzado tradicional con materiais reciclados que se realizará durante os tres días do evento. O obxectivo deste taller, que estará impartido pola artesá María Xosé Martínez, é divulgar as técnicas propias dos zoqueiros e dos zapateiros ao público en xeral, e especialmente aos máis pequenos, baseándose en tres principios fundamentais: ecolóxico, sostible e reciclable.

Entre os expositores atópanse o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, concursos de música e baile tradicionais, festivais, asociacións, editoriais, coros, escolas e empresas de elaboración e venda de traxes tradicionais, ourivería, encaixe e instrumentos musicais.

Artesanía de Galicia estará presente nesta grande foliada a través de obradoiros artesáns como Bulideira (Santiago de Compostela), Taller Arbor (Vilamarín), Ana Castro (A Estrada), Traxandaina (Lugo), Panosdaquí (Carballo), Casa Escola Obradoiro de Ana Rosa (Ames), Creando Encaixe (Camariñas), Artesanía Veiga (Santiago de Compostela), Silvereira (Teo), Druída Orfebre (A Estrada), Mayer (Santiago de Compostela), Eferro (Vila de Cruces), Laia Zapateiros (Melide), Sanín Percusión Tradicional (Santiago de Compostela), Obradoiro de Gaitas Seivane (Cambre), Musical J.R. (Carballo), Obradoiro de Gaitas Lis (Lugo), Xermán Arias (Sarria), Os Alegres (Pontevedra) ou César Loureiro (Marín).

A programación deste I Encontro Galego de Cultura Popular complétase con espectáculos e actuacións musicais, desfiles de traxes tradicionais, conferencias e debates arredor do baile tradicional así como actividades para os máis pequenos como as foliadas infantís.

7 de xuño de 2018 | 16:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.