publicidade hoxe

Cultura organiza medio cento de actividades para celebrar o Día Internacional dos Museos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

Os museos xestionados pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecen un amplo programa de actividades para todos os públicos con motivo da celebración do Día Internacional dos Museos, o 18 de maio. Xornadas de portas abertas, visitas guiadas, concertos, obradoiros, conferencias ou exposicións son só parte da oferta arredor da celebración desta efeméride. O lema deste ano é Museos hiperconectados: enfoques novos, públicos novos e orienta as súas accións a recoñecer o seu vencello coas comunidades locais, a paisaxe cultural e a contorna natural, poñendo en valor a tecnoloxía para chegar máis aló do seu público habitual.

Xornadas previas

Moitos dos museos empezan xa a celebración da efeméride nas xornadas previas ao 18 de maio. É o caso do Arqueolóxico Provincial de Ourense, que mañá, mércores, ofrece unha visita guiada ao edificio do museo na praza Maior (Pazo Episcopal), así como dous obradoiros dirixidos a rapazas e rapaces de 10 a 14 anos, Mapea no Mapour e Imprimindo o pasado en 3D. Os dous son ás 11:00 horas. Tamén o mércores, o Museo Massó de Bueu, a partir das 10 da mañá, abre a exposición Facedoras de Bueu, con entrada libre. No Museo Pedagóxico de Galicia (Mupega) a mostra Inventos que nos conectan pódese visitar durante todo o mes de maio e o mércores 16, ás 18:00 horas, ofrece unha visita guiada, que se repetirá o sábado 19.

O Centro Galego de Arte Contemporánea, tamén o mércores 16, pero ás 19:00 horas, fará unha sesión aberta do curso Os corpos do cinema, que reflexiona sobre a figura e a súa relación cos espazos no medio audiovisual. Os días 17 e 18 de maio programa visitas especiais arredor da súa arquitectura e da súa historia, ás 12:00 e ás 18:00 horas. Non é preciso inscribirse.

O día 17, no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrán de Las, impartirase a conferencia A investigación arqueolóxica na provincia de Ourense. Será ás 11:00 horas e irá seguida dunha visita ao xacemento para coñecer as intervencións arqueolóxicas no castro.

O Día dos Museos

O 18 de maio, todos os museos teñen xornada de portas abertas, con entrada de balde. No Museo de Belas Artes da Coruña, ás 18:30 horas, haberá unha visita guiada á colección e ás 20:00 horas terá lugar o espectáculo audiovisual Temor a contratempo, con entrada libre ata completar a capacidade da sala. No Mupega, ás 18:00 horas, realizarase o obradoiro familiar Xogando a detectives, con inscrición previa.

No Museo das Peregrinacións e de Santiago, ás 11:00 horas, terá lugar unha sesión de contacontos, O Paroleiro, destinado a un público escolar e con inscrición previa no propio museo. Ás 11:30 horas celebrarase un obradoiro de iniciación ao torno cerámico, para todas as idades, en aberto, nos soportais do museo. E, ás 20:00 horas, o grupo The Lákazans ofrece o concerto Sandwina.

No Museo do Castro de Viladonga, ás 11:00 e ás 13:00 horas, o actor Avelino González dramatizará dúas visitas ao castro e ao museo. No Museo Provincial de Ourense, ademais de repetir as visitas guiadas e os obradoiros do mércores, pecharán a xornada cun concerto de Nastasia Zürcher Trío, ás 21:00 horas, no claustro do edificio antigo, con entrada libre ata completar a capacidade. Pola súa banda, no Museo Etnolóxico de Ribadavia, ás 20:00 horas, haberá un concerto de música tradicional contemporánea con Cantaralai e ás 22:00 horas, dentro da Noite Branca, unha visita teatralizada ao museo.

Pola súa banda, o Museo Centro Gaiás, na Cidade da Cultura, ofrecerá o venres 18 e o sábado 19 un amplo programa de actividades, entre os que destacan 13 tipos diferentes de visitas ao complexo, para xerar un amplo abanico de opcións nas que todos os públicos poidan conectar co museo.

O sábado, Noite dos Museos

O sábado 19 de maio, algúns dos museos de xestión autonómica celebran a Noite dos Museos. No de Belas Artes da Coruña, por exemplo, haberá visitas guiadas ás 12:30, 19:00 e 22:00 horas; obradoiros en familia ás 18:00 e ás 19:30 horas, para nenas e nenos de 6 a 12 anos e ás 22:00 horas, o grupo de danza da UDC ofrece o espectáculo Verbena Final. 10 anos de grandes hits, co que celebra o seu décimo aniversario.

No Museo das Peregrinacións e de Santiago, ás 11:00 horas haberá un obradoiro de construción de instrumentos musicais e ás 19:00 horas, unha sesión de narración oral Contos Camiñantes, a cargo de Cándido Pazó. As dúas actividades son para todos os públicos e con entrada libre. O CGAC ofrece unha visita guiada ás 12:00 horas, na que non é preciso inscribirse e un obradoiro de espazo e movemento para familias con rapaces e rapazas de 4 a 6 anos, no que hai que inscribirse antes.

No Museo do Castro de Viladonga, desde as 17:30 horas, a cooperativa Miudiña crea un espazo de xogo con materiais naturais e obradoiros de brinquedos sonoros. Ás 19:00 horas haberá unha nova oportunidade de coñecer o castro co actor Avelino González e as súas viaxes no tempo e ás 20:00 horas, Abraham Cupeiro, construtor e multiinstrumentista, creará novas sonoridades.

Finalmente, no Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa de San Cibrán haberá visitas guiadas temáticas ás 12:30 e ás 16:30 horas os días 19, 20, 26 e 27 de maio.

A programación de actividades arredor do Día Internacional dos Museos pode consultarse na Axenda de Cultura, en www.cultura.gal.

15 de maio de 2018 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.