publicidade hoxe

Medio Rural constata que as medidas de control da couza da pataca funcionan e non houbo máis positivos na zona demarcada

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, presidiu este mediodía en San Caetano a reunión da comisión de seguimento da couza guatemalteca da pataca, convocada tras a ampliación a Muxía dos concellos infestados por esta praga de corentena.

Nesta xuntanza constatouse que tras a revisión dos case 300 almacéns de particulares inspeccionados neste municipio da Costa da Morte e na zona tampón que o rodea non se localizou ningún positivo de couza. O reforzo deste labor de inspección decretouse como medida complementaria á recollida de pataca nestas áreas, así como a outras accións relacionadas coa información e divulgación aos interesados. Así, celebráronse xa reunións informativas nos municipios de Muxía, Cee, Camariñas, Dumbría, Vimianzo e Fisterra, así como unha xuntanza de coordinación con alcaldes, na que participou a propia directora xeral.

Así mesmo, están en execución ou preparación outras iniciativas, como as de continuar coa recollida de tubérculo en Muxía e municipios tampón e o deseño, colocación e revisión da malla de trampeo nestas áreas (infestada, tampón e libre próxima). Ademais, proseguirase coa recollida, transporte e destrución da pataca da zona infestada.

Por outra banda, a comisión de seguimento –na que están representados técnicos da Consellería, do Laboratorio Fitopalóxico de Galicia, da Fegamp e da Indicación Xeográfica Protexida “Pataca de Galicia”– insistiron na necesidade de respectar a normativa e non plantar tubérculo na zona infestada. Neste sentido, reforzaranse os controis e inspección nestes 33 concellos e lémbrase que a plantación continúa prohibida por segundo ano consecutivo. Neste sentido, cómpre advertir que na provincia de Lugo xa se abriron este ano cinco expedientes sancionadores por incumprir esta norma.

11 de abril de 2018 | 14:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.