publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Convócanse 24 prazas de emprego público nunha oposición reservada a persoas con discapacidade intelectual

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

A Xunta convoca 24 novas prazas de emprego público nunha oposición reservada a persoas con discapacidade intelectual, tal como recolle a convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG). As persoas que superen este proceso selectivo pasarán a ser funcionarios da Xunta e traballarán como persoal subalterno na Administración galega.

Todas as prazas convocadas son de acceso libre, e as persoas aspirantes que desexen participar na oposición deberán solicitalo a través do modelo de solicitude que se facilita de balde na páxina web da Dirección Xeral da Función Pública (funcionpublica.xunta.gal). O prazo para presentar as solicitudes será de 20 días hábiles, que se contarán a partir de mañá martes, 10 de abril, co que se pechará o 8 de maio.

Xunto coa solicitude será obrigatorio achegar tamén copia compulsada do certificado de discapacidade acreditativo dun grao igual ou superior ao 33% e o ditame técnico facultativo que acredite a discapacidade intelectual.

Serán igualmente requisitos esixidos que no día de finalización do prazo de solicitudes -e ata o momento da toma de posesión como persoal funcionario de carreira- os aspirantes posúan unha discapacidade intelectual cun grao global recoñecido igual ou superior ao 33% e que en materia de formación poidan acreditar que teñen cursada a escolaridade obrigatoria requirida no sistema educativo español segundo o correspondente plan de estudos.

Así mesmo, a convocatoria publicada hoxe no DOG inclúe as normas xerais, os requisitos que deberán posuír as persoas aspirantes, os exercicios que deberán realizar e o programa que rexerá o proceso selectivo.

Dous exercicios

O primeiro exercicio -obrigatorio e eliminatorio- consistirá na contestación por escrito dun cuestionario tipo test de 45 preguntas: 20 preguntas da parte xeral do programa e 25 sobre contidos prácticos do traballo a realizar, incluídos na parte específica do programa. A realización desta primeira proba non se celebrará antes de 12 meses, a contar desde o día seguinte ao da publicación da presente convocatoria no DOG.

O segundo exercicio -igualmente obrigatorio e eliminatorio- consistirá na contestación por escrito dun cuestionario de dez preguntas tipo test, que determinará o grao de coñecemento da lingua galega por parte dos aspirantes.

As segundas oposicións para discapacidade intelectual

As que hoxe se convocan son as segundas oposicións reservadas exclusivamente a persoas con discapacidade intelectual que se realizan na historia da Xunta. As primeiras desenvolvéronse polo sistema de concurso-oposición e están a piques de rematar. De feito, a baremación dos méritos das persoas participantes publícase hoxe tamén no Diario Oficial de Galicia, o que permitirá cubrir as seis prazas convocadas.

Os procesos selectivos reservados á discapacidade intelectual teñen como obxectivo facilitar a inserción e adaptación laboral deste colectivo na Administración autonómica, así como tamén apoiar a súa formación. Ambas convocatorias foron programadas en colaboración coa Federación galega de asociacións a favor das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento (Fademga) e Down Galicia.

9 de abril de 2018 | 16:21 • Sen comentarios
Deixa o teu comentario