publicidade hoxe

O Plan xeral de control tributario da Atriga volverá reforzar a loita contra a fraude fiscal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada esquerda
A-
A+

O Plan Xeral de Control Tributario para 2018, aprobado pola Axencia Tributaria de Galicia (Atriga), volverá reforzar a loita contra a fraude fiscal conforme aos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, ao tempo que aposta por introducir medidas que faciliten o cumprimento das obrigas tributarias, tal como establece o plan publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia.

Entre as novidades que introduce este plan anual no eido de control posterior, a Atriga está a incrementar neste 2018 a comprobación das reducións subxectivas que se aplican no imposto sobre sucesións e doazóns. Dende o 1 de xaneiro de 2016, máis do 99% dos contribuíntes galegos non pagan nin un euro á Xunta por este imposto cando reciben unha herdanza dun familiar directo.

Ademais, o plan xeral tamén establece como novidade respecto a exercicios anteriores que se incrementa a comprobación da orixe dos fondos utilizados nos pagos nas transaccións inmobiliarias –suxeitas ao Imposto sobre Transmisións Patrimoniais e Actos Xurídicos Documentados–, así como a verificación de que as renuncias ás herdanzas axústanse ao disposto no ordenamento xurídico.

Eido preventivo

En canto ao eido preventivo, a Axencia Tributaria de Galicia fomentará o uso dos servizos que este organismo ofrece por vía electrónica, incluída a presentación de autoliquidacións, o que supón facilitar aos contribuíntes o cumprimento das súas obrigas.

A Atriga tamén vai potenciar este ano a práctica das notificacións telemáticas, o que ademais de supoñer un aforro de custo e tempo, redundará nunha redución do número de notificacións devoltas. Ao mesmo tempo, a Administración tributaria galega facilitará o pagamento mediante domiciliación bancaria, co obxectivo de facer máis sinxelo o cumprimento das obrigas tributarias.

12 de marzo de 2018 | 16:15 • Sen comentarios

Comentarios pechados.