publicidade hoxe

Medio cento de escolares plantan carballos e bidueiros no Bosque de Galicia da Cidade da Cultura para conmemorar o Día da Árbore

Plantación de carballos e bidueiros

Plantación de carballos e bidueiros

A Cidade da Cultura de Galicia adiántase á celebración do Día da Árbore (o 21 de marzo) e festexa este efeméride coa campaña Ponnos verde! coa túa escola, na que escolares plantarán carballos e bidueiros no Bosque de Galicia, inmerso na ampliación da segunda fase que contará, ao rematar, con 34 hectáreas e 12.000 árbores autóctonas.

Ponnos verde! coa túa escola enmárcase nun programa de accións vinculadas co Día da Árbore que se celebrarán no Gaiás ao longo do mes de marzo e que arrincaron hoxe coa primeira plantación por parte de medio cento de rapaces e rapazas do CEIP Vilas Alborada, de Santiago de Compostela. Este grupo estivo acompañado pola directora-xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e o director de Viaqua, Julio Masid, xa que esta actividade conta co patrocinio desta entidade e co apoio da Fundación USC Deportiva e do Proxecto Landra, que doa as especies autóctonas a plantar: bidueiros e carballos de sementes centenarias provenientes da contorna de Santiago de Compostela.

Respecto ao medio ambiente

A directora-xerente da Cidade da Cultura de Galicia deulles os parabéns aos escolares e mestres participantes por decidir adiantar os festexos do Día da Árbore “do mellor xeito posible: plantando unha”. Á vez, remarcou que esta acción procura concienciar as xeracións máis novas da importancia da defensa, do coidado e do respecto do medio ambiente “como patrimonio de toda a sociedade, independentemente da idade que se teña” e valorou que este compromiso estea dentro do currículo e programa escolar.

Esta acción conmemorativa non se limita á plantación de árbores autóctonas no Bosque de Galicia, senón que os escolares completan a xornada cunha visita comentada, por parte dos guías da Cidade da Cultura, polo complexo arquitectónico do Gaiás e polos seus novos espazos verdes e de lecer como son o Xardín Literario ou o Parque da Balea.

Ponnos verde! e segunda fase do Bosque de Galicia

Esta actividade cos centros escolares inscríbese na campaña xenérica de Ponnos verde! que botou a andar cando se iniciou a o Bosque de Galicia, en 2015, nas ladeiras do Monte Gaiás. Desde aquela, máis dun milleiro de cidadáns presentáronse voluntarios para vir plantar árbores autóctonas e colaborar simbolicamente con este espazo natural, considerado o gran pulmón verde da capital galega.

6 de marzo de 2018 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.