publicidade hoxe

Augas de Galicia licita a redacción do proxecto de mellora do sistema de saneamento de Teis en Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

Augas de Galicia licita hoxe no Diario Oficial de Galicia a redacción dun proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento de Teis no concello de Vigo por un importe de máis de 66.000 euros.

O sistema de saneamento de Teis inclúe unha rede de colectores que se estenden polos concellos de Vigo e de Redondela, varios bombeos intermedios e unha estación depuradora de augas residuais (EDAR) cun tratamento biolóxico de aireación prolongada con eliminación de nitróxeno, deshidratación de lamas mediante centrífuga e desinfección con UV. Na dita rede de colectores téñense detectado importantes infiltracións de augas brancas que provocan unha sobrecarga hidráulica continua.

O obxecto concreto deste servizo é o de analizar a viabilidade e as alternativas e redactar o anteproxecto e o proxecto construtivo das actuacións necesarias para mellorar o sistema de saneamento de Teis, reducir as infiltracións detectadas na rede de colectores e mellorar os bombeos intermedios.

De xeito orientativo, Augas de Galicia ten identificado unha serie de alternativas de actuación que, entre outras, poden ser as seguintes:

– Mellora do bombeo de Arealonga mediante un novo desbaste de sólidos e un areeiro.
– Renovación do colector de marxe do río Paraixal, nun treito aproximado de 1.100 metros.
– Mellora do saneamento na rúa Arnela, onde hai dous colectores de fecais. Pódense adecuar as conexións de xeito que quede un colector de pluviais e outro de residuais.
– Ampliación da rede no Camiño Xorxa, por exemplo mediante un cruce baixo a Avenida de Galicia que termine conectando á rede na rúa Arnela.
– Ampliación e mellora da rede na contorna da rúa Santa Tegra: nova rede de pluviais que recolla as augas pluviais do Camiño Espiñeiro e da rúa Maceiras ata o aliviadoiro próximo á rúa Xulián Estévez; renovación da rede de saneamento entre a rúa Enrique Lorenzo e a rúa Xulián Estévez.
– Ampliación e mellora da rede separativa na contorna da rúa Baixada ós Ríos.
– Ampliación e mellora da rede na rúa Mimosa.

Tanto este contrato de apoio á redacción do proxecto, como a obra que se execute a raíz do mesmo, cofinanciarase pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80% no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

8 de marzo de 2018 | 17:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.