publicidade hoxe

A Xunta destinará 80.000 euros a fortalecer a Rede galega de cooperación universitaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A Xunta destinará entre 2018 e 2019 máis de 80.000 euros para apoiar o fortalecemento da Rede Galega de Cooperación Universitaria ao Desenvolvemento (RGCUD). Trátase xa do cuarto convenio que asina a Administración autonómica coas tres universidades galegas con este fin.

Para abordar as actividades concretas que se desenvolverán nestes dous anos, o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, reuniuse hoxe en Santiago de Compostela cos vicerreitores das universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

O obxectivo principal para os próximos anos é seguir fortalecendo o Sistema Universitario Galego como axente de cooperación para o desenvolvemento, implicado tamén na consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados na Axenda 2030.

A Xunta leva apoiando o traballo das tres universidades galegas nesta materia desde 2014. Desde ese ano e ata o momento, o financiamento achegado pola Xunta para fortalecer a RGCUD ascende a algo máis de 300.000 euros. A este importe habería que engadir os 300.000 euros que se aportaron a través das convocatorias para a creación de grupos de investigación en materia de cooperación polo desenvolvemento.

Grazas a estes convenios, conseguíronse distintos avances como a consolidación dun plan de formación conxunto para as tres universidades galegas en materia de cooperación ao desenvolvemento, que xa ten permitido mellorar as propostas de proxectos; o fomento da investigación para o desenvolvemento; ou a creación dun portal web da RGCUD.

14 de marzo de 2018 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.