publicidade hoxe

A nova escola infantil da rede “A Galiña Azul” en Lugo entrará en funcionamento en setembro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaLocal PortadaLugoLugoPortada esquerda
A-
A+

As obras de construción da nova e primeira escola infantil da rede autonómica “A Galiña Azul”, que xestionará o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar na cidade de Lugo, avanzan a bo ritmo, de tal xeito que o centro —construído e equipado pola Fundación Amancio Ortega (FAO)— estará preparado para entrar en servizo no próximo mes de setembro, no inicio do curso 2018-2019, segundo as previsións.

Este novo recurso para facilitar a conciliación laboral e familiar, que estará situado nunha parcela cunha superficie total de 3.800 metros cadrados cedida polo Concello, na avenida Paulo Favio Máximo, é froito do convenio de colaboración a tres bandas asinado o 21 de abril de 2017 pola Fundación Amancio Ortega, polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e polo consistorio lucense.

O período de inscrición na nova escola infantil de Lugo, que ofertará un total de 82 prazas, está aberto dende o pasado 9 de marzo, de tal xeito que os pais e nais que desexen solicitar praza para os seus fillos nela deben facelo antes do 9 de abril, cando remata o prazo en todos os centros da rede “A Galiña Azul”.

Para realizar as inscricións deberán completar o formulario que atoparán no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 9 de marzo de 2018 ou nos anexos da “Resolución da Xerencia do Consorcio pola que se convoca o procedemento de adxudicación de prazas nas escolas infantís 0-3 anos para o curso 2018-2019”, á que poden acceder a través da sección “Anuncios” da páxina web do Consorcio ou, directamente, mediante esta ligazón.

Os interesados deberán facer chegar eses formularios, xunto coa documentación que especifica a Resolución, á Xefatura Territorial de Lugo, na Ronda da Muralla, nº 70; entregalos en calquera rexistro da administración pública, dirixidos ao departamento de Escolas Infantís do Consorcio; envialos por correo ordinario certificado a ese mesmo departamento do ente de Política Social; ou ben completalos e envialos on line a través da sede electrónica da Xunta de Galicia —se contan coa documentación esixida para facelo—, tecleando no seu buscador o código BS404A.

As únicas condicións que se esixen para o acceso dos pequenos a este tipo de escolas son: que o neno xa nacera no momento de solicitar a praza; que o neno teña cando menos tres meses de idade no momento do acceso ao centro; e, nos casos nos que haxa un irmán xa escolarizado en calquera centro da rede, que estean ao corrente do pagamento das cotas polos servizos recibidos na data da presentación de solicitude de praza.

Os pais e nais poden pedir praza en varias escolas da rede ao mesmo tempo, por orde de preferencia, e contan ademais coa posibilidade de marcar a opción “Bono Concilia” (Anexo I da Resolución), o que lles abre a porta para ser beneficiarios desas axudas económicas de Política Social, que contribúen ao pagamento do importe da praza nunha escola non sostida con fondos públicos, se o neno non logra obter unha nun centro público.

A oferta da Rede Galiña Azul para o curso 2018-2019 suma 10.264 prazas de 0 a 3 anos ofertadas nas 172 escolas da rede autonómica -145 escolas xestionadas polo Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e as 27 restantes da Axencia Galega de Servizos Sociais.

27 de marzo de 2018 | 16:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.