publicidade hoxe

Medio Ambiente tomará mostras de solo e auga en Mos para determinar a posible presenza de lindano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMosPortada dereita
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciará durante a semana do 19 de febreiro os traballos de prospección e recollida de mostras nas zonas do concello de Mos nas que se sospeita que pode haber restos de lindano.

A decisión foi comunicada esta mañá no transcurso da primeira reunión da comisión de seguimento da posible contaminación por lindano de Mos, que contou con representación da propia consellería así como de todos os grupos políticos da corporación, varias asociacións de veciños, a Confederación Hidrográfica Miño-Sil e a empresa encargada de realizar as prospeccións.

Os traballos centraranse concretamente nas parroquias de Sanguiñeda e Pereiras, as dúas zonas nas que existen sospeitas da presenza deste tipo de substancia, segundo a información facilitada polas autoridades locais. Co fin de delimitar con maior exactitude os posibles lugares afectados, os representantes veciñais asistentes quedaron en aportar toda a información histórica da que dispoñen e canalizala a través da propia comisión.

A Consellería de Medio Ambiente encomendoulle a realización dos traballos e das analíticas en Mos a unha empresa especializada, que en aproximadamente 15 días comezará a delimitar sobre o terreo as zonas nas que se realizarán as catas para tomar mostras de terra e de auga.

Durante a reunión da comisión de seguimento, membros da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático trasladaron aos asistentes toda a información dispoñible ata o de agora e os pasos inmediatos que se van dar co fin de determinar o antes posible se existe ou non presenza de lindano nos terreos baixo sospeita.

Neste sentido, a comisión constituída hoxe acordou volver reunirse dentro dun mes e agárdase que nesa segunda xuntanza se poidan analizar os resultados provisionais destas prospeccións e das analíticas que se lle realicen ás mostras recollidas.

7 de febreiro de 2018 | 15:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.