publicidade hoxe

López Abella aposta pola coeducación como ferramenta fundamental para promover a igualdade entre a mocidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+
Susana López Abella na visita ao CIFP Politécnico de Lugo

Susana López Abella na visita ao CIFP Politécnico de Lugo

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou hoxe a importancia da coeducación como unha das ferramentas máis útiles para promover a igualdade entre a mocidade e prever situacións de discriminación ou de violencia de xénero. Así o destacou hoxe durante a súa visita ao CIFP Politécnico de Lugo, na que estivo acompañada polo delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro.

Este centro lucense é o primeiro de Galicia que implanta un Plan de Igualdade, cun abano de medidas entre as que se inclúe a actividade coeducativa cuxo resultado se presentou hoxe: “As mulleres e homes da túa familia profesional”.

A metodoloxía que se está implantando no CIFP Politécnico de Lugo está convertendo a este instituto no primeiro centro coeducativo da formación profesional de Galicia. A coeducación é un estilo educativo, que implica educar sen diferenciar as mensaxes en función do sexo e tendendo a unha igualdade efectiva de oportunidades entre homes e mulleres. Por iso, constitúe unha ferramenta fundamental para abordar a educación desde unha perspectiva integral e de xénero, que permita acabar coas desigualdades e previr todo tipo de situacións de discriminación ou violencia.

Co fin de impulsar este tipo de metodoloxías en Galicia, a Xunta elaborou en 2016 o I Plan de actuacións para a Igualdade nos centros educativos de Galicia 2016-2020, unha folla de ruta que sirve de referente para abordar a coeducación e a prevención da violencia de xénero. Deste xeito, a Administración autonómica contribúe a construír un modelo formativo capaz de abranguer por igual o feminino e o masculino.

Nesta mesma liña de actuación, destaca tamén a posta en marcha no actual curso dun novo ciclo formativo de formación profesional sobre a Promoción da igualdade de xénero, que se está desenvolvendo no CIFP a Xunqueira (Pontevedra). Ademais, durante este curso tamén se volve ofrecer aos centros educativos a materia de libre configuración autonómica “Igualdade de xénero”, dirixida ao alumnado de 1º e 2º de ESO.

21 de febreiro de 2018 | 16:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.