publicidade hoxe

Cecilia Vázquez reúnese cos responsables dos Espazos Xove de Galicia e lanza unha rede de espazos públicos de ‘coworking’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaPortada dereita
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, mantivo hoxe en Santiago unha reunión cos responsables dos Espazos Xove de Galicia, coa finalidade de avanzar nas actividades en prol da xuventude que alí se levan a cabo.

Neste sentido, a titular do departamento autonómico fixo fincapé na filosofía destes espazos que serven como puntos de información así como lugares nos que participar en actividades relacionadas co medioambiente, o voluntariado, o ocio e o tempo libre entre outros.

Así mesmo, Cecilia Vázquez destacou que neste 2018, os Espazos Xove potenciaranse como Espazos Emprende, nos que a mocidade poida crear e desenvolver iniciativas innovadoras e emprendedoras en instalacións adecuadas e, o máis novidoso, acompañada de asesoramento empresarial e persoal para encamiñar os proxectos.

O obxectivo é tecer a través destes espazos públicos de coworking, unha rede de apoio á empregabilidade da poboación xuvenil, impulsando o espírito empresarial. É dicir, axudar aos mozos e mozas a xerar actividades profesionais e laborais na proximidade do seu ámbito territorial e que non o fagan sós. Nos momentos iniciais da súa idea de negocio poderán mellorar, potenciar e impulsar a viabilidade dos proxectos mediante a realización de actividades de titorización e asesoramento individualizado, formación personalizada e coaching persoal.

Trátase dunha iniciativa pioneira coa que o goberno galego quere facilitar a adaptación e a colocación de 500 mozos e mozas que non estean no mercado laboral ou ben novos parados, a través da realización de actividades cara unha procura activa de emprego, de mellora da súa empregabilidade e da posta en valor das súas inquedanzas persoais.

As titorías personalizadas incluirán acompañamento en autoemprego, cooperativismo,e asesoramento en aspectos legais relativos á constitución de empresas, entre outros. Ademais, activaranse protocolos de intervención, seguimento e avaliación do proxecto, así como o seguimento de indicadores de resultados. Tamén se desenvolverá formación personalizada. O prazo de inscrición para o desenvolvemento destas actividades abrirase no mes de marzo.

Cecilia Vázquez destacou que este acompañamento intentará adaptarse o máximo posible á situación de cada mozo e moza, tanto naqueles casos que se atopen en situación de transición laboral como naqueles que se atoipen nun proceso de emprendemento máis maduro.

A rede es Espazos Emprende, iniciativa enmarcada no programa Lidera, inclúe os centros de Curtis, Noia, Pontedeume, Betanzos, Carballo, Chantada, Vilalba, Viveiro, Lalín, Vilagarcía de Arousa e Ourense, así como as oficinas transfronteirizas de Información Xuvenil de Galicia- Norte de Portugal, de Verín e Tui.
Esta iniciativa dentro do proxecto LIDERA forma parte da actividade “Crece” que ten como obxectivo provocar un coñecemento, proceso e contexto de traballo en rede, no que se involucren os diferentes actores do territorio a través da xeración de espazos de desenvolvemento local no ámbito de influencia do proxecto.

Proxecto Lidera

O proxecto “Catalizador de oportunidades de emprego e emprendemento xove transfronteirizo” (acrónimo LIDERA) foi aprobado ao abeiro do programa Interreg V A España Portugal 2014-2020 (POCTEP) e ten como obxectivo promover o desenvolvemento económico transfronteirizo a través das capacidades laborais e de emprendemento dos mozos e mozas do territorio. Conta cun orzamento de 1.428.692, 93 euros e unha duración de catro anos (2016-2019).

Son socios do proxecto: a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, a Fundación Galicia Europa, a Cámara Oficial de Comercio, Industria, Servicios e Navegación de Santiago de Compostela, a Asociación Comercial de Emprendedores de Galicia (Ascega), o Instituto Português do Desporto e da Juventude (IPDJ), a Federación Nacional de Asociaciones Juveniles Portuguesas (FNAJ) e a Comunidade Intermunicipal do Ave.

23 de febreiro de 2018 | 13:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.