publicidade hoxe

Balseiro convida aos centros escolares lucenses a coñecer o viveiro forestal Os trollos, en Bóveda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBóvedaLocal PortadaLugo
A-
A+
Balseiro na visita ás instalacións

Balseiro na visita ás instalacións

A Consellería de Medio Rural, a través do servizo provincial de Montes de Lugo, remitirá aos centros escolares da provincia unha carta convidándoos a coñecer o viveiro forestal de Os Trollos, en Bóveda, e a participar nas distintas actividades de educación e divulgación que organiza.

Así o deu a coñecer esta mañá o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a visita a estas instalacións que, ao longo das súas 30 hectáreas de superficie, ofrecen espazos singulares polos seus valores paisaxísticos, forestais e ambientais.

Localizado preto da vila de Bóveda, o viveiro forestal Os Trollos, de titularidade e xestión autonómica, dispón de instalacións preparadas para a recepción de visitantes e para a realización de diversas actividades de educación e divulgación dirixidas, de xeito especial, aos escolares.

A súa aula forestal conta cunha exposición permanente para explicar dun xeito sinxelo e ameno, o ciclo das árbores, dende a súa plantación á súa corta, así como os diferentes pasos de transformación da madeira.

Así, os escolares poderán coñecer o proceso de produción de sementes, coidados dos montes, utensilios e ferramentas de traballo, procesos básicos de transformación da madeira, produtos do monte, costumes e tradicións e datos sobre as características singulares das propiedades dos montes.

Balseiro explicou as visitas guiadas que se concerten, ademais de coñecer a aula forestal e a súa contorna, poden complementarse coa realización dun itinerario polo sendeiro fluvial e polo conxunto do viveiro no que se desenvolven tarefas de produción de sementes e árbores.

De feito, das instalacións parten incluso dúas rutas de sendeirismo: a ruta de Os Trollos de cinco quilómetros e a ruta da Serra das Penas, de 18 quilómetros, ambas transcorren por ecosistemas destacados, entre piñeirais, soutos e carballeiras. Ademais, contan cunha zona de lecer, con bancos e mesas de pedra ao aire libre, nas que se pode descansar ou xantar.

Creado en 1927, este ano celebra o seu 91 aniversario

Balseiro tamén explicou que o viveiro forestal de Os Trollos, creado en 1927, cumpre este ano o seu 91 aniversario como instalación dedicada á produción de árbores e sementes.

O viveiro forma parte do Programa de Mellora Xenética Forestal da Xunta de Galicia no marco do Plan Forestal de Galicia, a través dun rodal selecto de carballo americano, e dun horto sementeiro de pino.

O rodal selecto de carballo americano é de 1.500 m2 (está nas inmediacións da aula); e conta con árbores destinadas á obtención de semente certificada para esta especie. Por outra banda o horto sementeiro de pino, é de 4,5 hectáreas.

O viveiro colabora co Centro de Investigacións Forestais de Lourizán en dous proxectos de investigación, un de castiñeiro para produción de froito, e outro de cerdeira para produción de madeira.

Así dispóñense de dúas parcelas plantadas con distintas variedades autóctonas de castiñeiro, e con distintas variedades de cerdeira con eses fins (ensaiar as caraterísticas das distintas variedades destas especies en Galicia).

O viveiro tamén ten previsto prestar o seu apoio ó proxecto europeo Life Oso Pardo dirixido pola Fundación Oso Pardo, producindo planta para a rexeneración dos hábitats do oso no Courel.

As instalacións contan ademais cun manancial na súa cabeceira, cuxa auga discorre polo viveiro e é acumulada sucesivamente en varios depósitos que se utilizaban para regar cando se producía planta de forma intensiva. Entre eles hai un depósito de 500.000 litros destinado á recarga dos medios de extinción de incendios forestais.

21 de febreiro de 2018 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.