publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Vedra licita as obras do Plan Único para asfaltar e reparar camiños municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaVedra
A-
A+

O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a licitación das obras de asfaltado e reparación de viais municipais no Concello de Vedra, incluídas no Plan Único da Deputación da Coruña. A institución provincial achega 163.617 euros para financiar estes traballos, un 66,6% do orzamento total que ascende a 245.541,39 euros.

O Concello de Vedra recibiu un total de 736.277 euros do Plan Único da Deputación no 2017, que ademais de financiar obras e investimentos se destinaron a reducir a débeda con entidades financeiras e a custear parte do gasto corrente, contribuíndo así ao saneamento das contas municipais.

As reparacións en camiños realizaranse nun total de 18 viais, que suman unha lonxitude de máis de 8 quilómetros de trazado, situados nas parroquias de San Xián, San Fins, Ponte Ulla, San Miguel de Sarandón, Santa Cruz de Ribadulla, Merín, San Mamede, Trobe e Illobre.

As obras terán unha duración aproximada de 3 meses e consistirán na limpeza das cunetas e as marxes dos viais, para facilitar a evacuación das augas, e na aplicación dun tratamento semiprofundo bituminoso co obxectivo de reparar os defectos e o desgaste superficial do pavimento. Así mesmo, aplicarase un dobre rego asfáltico para previr o seu deterioro.

Estas melloras acometeranse en dous camiños en Paradela e un en Matelo, na parroquia de San Xián de Sales; nos viais de Ximonde e Cimadevila, en San Miguel de Sarandón; nas estradas de Pazos e Agrelo, na parroquia de Santa Cruz de Ribadulla; na pista da Gaiosa á Ponte Nova, en Merín; no lugar de Feal, na parroquia de San Mamede; na vía de Silvaescura, en Illobra; en Gatente a Bazar, Xián, Vilarpiñeiro á Igrexa, en Trobe, e por último na parroquia de Ponte Ulla, nos lugares de Reboredo e Caldelas. Nesta última vía tamén se procederá á construción dunha arqueta sumidoiro que permita a recollida das augas que discorren desde as parcelas anexas.

Pavimentación do acceso á gardería municipal

Por outra banda, en Nande, na parroquia de San Fins de Sales, asfaltarase o vial de servizo da gardería municipal. Nesta vía, que está realizada en lastre, crearase unha base de firme con pedra e posteriormente rematarase con triplo rego asfáltico. Tamén en Nande renovarase o firme dunha pista de 750 metros mediante aglomerado en quente, e tamén se pintarán marcas viais e un paso de peóns con pintura reflexiva.

16 de xaneiro de 2018 | 17:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.