publicidade hoxe

O DOG publica a licitación das obras da estación intermodal de Santiago por un investimento de 10,4 millóns de euros

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación das obras da terminal de autobuses integrada na estación intermodal de Santiago de Compostela, por un importe de 10,4 millóns de euros.

As empresas interesadas neste proxecto poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 26 de febreiro. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta licitación: https://goo.gl/8eJJLK

Esta actuación consistirá na execución dunha nova terminal de autobuses integrada na de ferrocarril, o que suporá unha importante mellora da mobilidade dos cidadáns, facilitando o intercambio entre as distintas formas de transporte público.

As obras teñen un prazo de execución de 18 meses e a previsión do Goberno galego é inicialas no primeiro semestre deste ano, no que os Orzamentos da Xunta consignan unha partida de 2,3 millóns de euros para avanzar nos traballos.

Mentres se constrúe a nova terminal de autobuses de Santiago, a Xunta definirá o futuro da actual estación, que se dedicará a usos administrativos mediante a súa integración na Cidade de San Caetano, cuxo proxecto está xa en proceso de redacción.

A construción da nova terminal de autobuses de Santiago forma parte do proxecto integral da estación intermodal de Santiago que impulsan a Xunta e o Ministerio de Fomento de forma coordinada co Concello de Compostela.

A primeira fase do proxecto, xunto coa estación de autobuses, componse dunha pasarela peonil cuberta que unirá esta terminal coa de ferrocarril e que, ao mesmo tempo, servirá de conexión entre a rúa do Hórreo e a avenida de Clara Campoamor, facilitando a permeabilidade entre os barrios da cidade.

Actualmente, o Goberno galego, o Minsiterio de Fomento e o Concello están a ultimar o convenio para o cofinanciamento da dita pasarela, cuxo orzamento se estima en 5,9 millóns de euros, dos cales a Xunta achegará un 30%, preto de 1,8 millóns de euros.

O Concello de Santiago deberá executar os accesos, cuxo proxecto está aínda pendente de licitación.

Unha vez executados ambos os dous elementos previstos na primeira fase das obras, os usuarios verán moi axilizado o intercambio entre os distintos modos de transporte e Santiago contará cun novo edificio, funcional, moderno e integrado no contorno, que contribuirá facer cidade.

Características

O proxecto da nova estación de autobuses intermodal de Santiago prevé a construción dun edificio de dous andares, situándose no inferior as dársenas e as vías de circulación e manobra de vehículos, e no superior os servizos de atención aos viaxeiros.

A actuación terá unha superficie total de máis de 13.000 m2 e un total de 36 dársenas. Ademais, o proxecto habilita un espazo para a implantación dun futuro aparcadoiro e un área de servizos de autobuses.

22 de xaneiro de 2018 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.