publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Apróbase o primeiro Plan Xeral de Frades co acento na preservación natural e paisaxística do concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFradesGaliciaLocal PortadaPortada esquerda
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio outorgou a aprobación definitiva ao Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Frades que fai unha aposta pola preservación natural e paisaxística do concello ao tempo que procura un maior dinamismo dos sectores produtivos co obxectivo de que haxa un crecemento continuado nos próximos anos. Trátase do primeiro planeamento xeral de Frades e polo tanto, supón un importante avance en materia urbanística para este concello coruñés, que ata o momento se rexía por unhas normas subsidiarias provinciais aprobadas en 1991.

Así o subliñou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, quen asinou esta mañá a orde de aprobación definitiva do documento no transcurso dunha reunión co alcalde de Frades, Roberto Rey.

O plan de Frades, o primeiro que se aproba este ano e en cuxa redacción colaborou a Xunta cun total de 123.200 euros, cualifica o 95,85% do termo municipal como solo rústico de especial protección, nunha clara aposta pola preservación natural e paisaxística do concello. Preto do 3,8% está cualificado núcleo rural, o 0,22% como solo urbanizable e o 0,13%, restante como urbano.

Entre os outros obxectivos xerais do planeamento, tal e como explicou a conselleira, figuran a procura dun maior dinamismo dos sectores produtivos do concello, particularmente do industrial, a potenciación das comunicacións e servizos comunitarios e a fixación de poboación no termo municipal.

Neste sentido, unha das principais propostas do PXOM é a delimitación do solo urbano de Ponte Carreira, que se apoia sobre o trazado antigo da estrada N-634. Para completar a ordenación deste ámbito, redactáronse unhas normas urbanísticas de aplicación simple e práctica para conservar e respectar as alturas e aliñacións existentes e lograr un equilibrio entre a dimensión do núcleo urbano, as súas dotacións e a protección dos elementos do seu patrimonio.

Así mesmo, o novo plan tamén contempla unha adecuada delimitación dos seus núcleos rurais de acordo a criterios legais e ás características do territorio. Tamén se incorporan como solo urbanizable dúas áreas de novo asentamento en Frades (unha ao norte do municipio, no sector de Vedral, e outra ao sur, en Cadaval), coa finalidade de ordenar e regularizar as industrias e actividades xa existentes e xerar novo solo que permita futuras implantacións empresariais no concello.

Ademais tamén inclúe unha proposta de novos espazos libres, zonas verdes e equipamentos para uso público en resposta ás carencias e necesidades que ten o Concello de Frades ao respecto. Neste sentido, prevé a ampliación da área recreativa de Ponte Carreira no Tambre, a creación de novos espazos verdes nos núcleos de Vedral e Cimadevila, e a reserva de solo para localizar un novo local social e unha residencia de anciáns tamén en Ponte Carreira.

Por último, o plan xeral de Frades tamén contempla unha mellora na dotación de servizos urbanísticos de saneamento.

Compromiso coa ordenación sustentable e responsable

Durante a súa intervención, a titular de Medio Ambiente reiterou o compromiso da Xunta cos concellos para a consecución dun “desenvolvemento urbanístico responsable”.

Nesta liña, subliñou, “continuaremos desenvolvendo novos instrumentos para os concellos como os Plans Básicos Municipais, unha figura destinada aos municipios de menos de 5.000 habitantes que non teñan planeamento xeral”. A previsión da Consellería de Medio Ambiente é que a finais de 2019 poidan estar aprobados os primeiros plans básicos.

Igualmente, Beatriz Mato Otero lembrou que coa aprobación do PXOM de Frades son xa 7 os instrumentos de ordenación urbanística que recibiron o visto bo do Goberno galego na actual lexislatura.

9 de xaneiro de 2018 | 16:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.