publicidade hoxe

A Xunta impulsará o emprego transfronteirizo con seminarios de formación sectoriais e o apoio de prácticas laborais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGaliciaGalicia exteriorPortada dereita
A-
A+

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, presidiu hoxe en Valença a xuntanza do Comité Directivo do Servizo Eures Galicia-Norte de Portugal no que se aprobou o plan de actividades para este ano que inclúe, entre outras actuacións, a celebración de seminarios de formación sectoriais, o apoio ao desenvolvemento de prácticas laborais para estudantes da Universidade de Vigo ou a realización da Feira Transfronteiriza de Emprego Universitario.

Galicia preside ata 2020 o Comité desta iniciativa coa que se busca impulsar o emprego da Eurorrexión contribuíndo ao desenvolvemento dun mercado de traballo aberto e accesible. Así, entre as medidas que se levarán a cabo en 2018, Marnotes destacou a organización por parte da Universidade de Vigo, coa colaboración da Universidade do Porto e a Consellería de Economía, Emprego e Industria, da Feira Transfronteiriza de Emprego Universitario (Findeu) na que se darán cita empresas e demandantes de emprego de Galicia e o Norte de Portugal co fin de favorecer e facilitar o emprego entre as dúas rexións.

No primeiro trimestre do ano porase en marcha Findeu Virtual, a través da plataforma europeanjobdays.eu, da rede Eures, na que en sesións anteriores participaron máis de 100 expositores que divulgaron ao redor de 1000 oportunidades de emprego ás que se presentaron máis de 4300 candidaturas. Findeu Presencial desenvolverase no último trimestre do ano nas cidades de Vigo e Porto. O pasado ano participaron nesta feira máis de 100 empresas de Galicia e o Norte de Portugal que recibiron preto de 2360 currículos.

Así mesmo, organizaranse dous Job Day sectoriais co obxectivo de proporcionar a empresarios e desempregados transfronteirizos un espazo de encontro; un encontro transfronteirizo do sector da automoción co obxectivo de analizar a situación actual deste eido; seminarios para empresarios e profesionais; un foro de formación profesional para facilitar a realización de prácticas dos estudantes de FP; e a posta en marcha, por parte da Universidade de Vigo, dun programa de prácticas en empresas do Norte de Portugal.

Marnotes puxo en valor as vantaxes do Servizo Eures co que se favorece o intercambio de ofertas e demandas de emprego entre os traballadores da rexión transfronteiriza salientando a importancia de incrementar a cooperación e labor que xa se está realizar entre as oficinas de emprego da Eurorrexión para aumentar as oportunidades laborais das persoas sen emprego. A través do Eures tamén se intercambia información sobre prácticas profesionais e de aprendizaxe e sobre as condicións de vida e de traballo e as oportunidades para a adquisición de competencias.

O responsable de Orientación resaltou que a Xunta, a través da Axenda 20 para o Emprego, traballa tamén na modernización do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) para que sexa máis próximo as persoas usuarias, sexan demandantes de emprego, ou sexan empresas que buscan un traballador. Segundo sinalou Marnotes, o obxectivo é “seguir traballando para incrementar as oportunidades laborais dos galegos e galegas e avanzar nos obxectivos que compartimos entre Galicia e o Norte de Portugal”. “A meta do Goberno galego é mellorar o funcionamento do mercado laboral transfronteirizo para ofrecer novas e mellores oportunidades aos nosos traballadores”.

18 de xaneiro de 2018 | 16:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.