publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Pontevedra pecha as homenaxes a Ricardo Portela cun espectáculo multidisciplinar en Vigo, Pontevedra e Cerdedo-Cotobade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobadeLocal PortadaPontevedraPontevedraVigo
A-
A+

O sábado 20 de xaneiro, ás 21 horas, o Auditorio Municipal de Vigo acollerá o espectáculo multidisciplinar co que a Deputación remata os actos de homenaxe a Ricardo Portela con motivo do 25 aniversario do seu pasamento. O sábado da seguinte semana, o 27 de xaneiro tamén ás 21 horas, o espectáculo terán lugar no Teatro Principal de Pontevedra, e o sábado 3 de febreiro, ás 19 horas, no Auditorio de Cerdedo Cotobade. Estes tres concertos foron presentados esta mañá polo deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, pola concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, polo alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e polo músico que deseñou o espectáculo, Óscar Ibáñez.

Baixo o epígrafe ‘Óscar Ibáñez & Tribo + Convidados – Aires de Pontevedra’ subiranse aos escenarios un elenco de figuras representativas da música tradicional galega e de bailadores tanto de baile tradicional como de danza contemporánea. Este pequeno ciclo de concertos, financiados polo departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, clausuran os actos de homenaxe que se viñeron desenvolvendo no pasado ano para, en palabras de Xosé Leal “rematar con música, como non podía ser doutro xeito, nos tres lugares da provincia cos que o propio Ricardo Portela tivo vinculación persoal e profesional”. Hai que lembrar que Ricardo Portela nacera na parroquia de Viascón, actualmente concello de Cerdedo-Cotobade, viviu en Vigo a partires dos 12 anos, onde se desenvolveu musicalmente, e fixou a súa última residencia en Pontevedra á volta da súa emigración a Venezuela ata a súa morte en 1992 e onde desenvolveu a súa labor docente. O deputado de Cultura e Lingua quixo incidir, ademais, en que este ciclo de concertos “responde ao noso afán por apostar pola música tradicional e levala por lugares diversos da provincia”.

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme Fouces, fixo un chamamento para que “todas as persoas asistan ao concerto no Teatro Principal para gozar da boa música que tanto Óscar Ibáñez como o repertorio de Ricardo Portela nos teñen acostumados”. Fouces asegurou que “é necesario que o noso patrimonio musical forme parte da programación cultural dos concellos” e insistiu en que “este será un dos espectáculos máis importantes ao redor da gaita co que se finaliza este ano de homenaxes”. A concelleira de Cultura de Pontevedra apuntou ademais que “despois de poñerlle o seu nome a unha rúa, o concello xa podería poñerse a traballar no deseño do Roteiro Ricardo Portela”. Pola súa banda, o alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, que acudiu á presentación acompañado por Xosé Balseiros, asegurou que “é un orgullo que este ciclo de concertos, e polo tanto o acto final dun ano de homenaxes, teña lugar no noso concello”. Cubela tamén agradeceu a Óscar Ibáñez a organización do espectáculo afirmando que “é a persoa que desde a cultura máis está facendo pola memoria de Ricardo Portela”.

Aires de Pontevedra

O músico Óscar Ibáñez explicou que “Ricardo Portela era un gran defensor da nosa gaita e da nosa música tradicional, pero tamén era unha persoa que se relacionaba con xente nova e con grupos emerxentes, e este espectáculo quere homenaxear precisamente esta faceta súa”. Así, o espectáculo ‘Aires de Pontevedra’ revisa desde unha estética tradicional os temas máis característicos do gaiteiro de Viascón, pero actualizándoos e facendo un percorrido por toda a súa música. Na presentación, Ibáñez fixo especial fincapé en que “este espectáculo está concibido para todo tipo de públicos, non só para especialistas, para que coñezan a música de Ricardo Portela transformada e actualizada”.

Por último, Óscar Ibáñez manifestou a súa satisfacción por “tocar por primeira vez no centro de Vigo, porque sempre tocara en barrios como Valadares ou Bembrive, pero nunca no Auditorio Municipal”. En canto ao Teatro Principal de Pontevedra, indicou que será a terceira vez que actuará no seu escenario, e no Auditorio de Cerdedo-Cotobade será a segunda, tras ter participado na súa inauguración en 2010.

17 de xaneiro de 2018 | 17:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.