publicidade hoxe

A Xunta destina 53.000 euros ao Plan de mellora da biblioteca do Insitituto de Formación Profesional de Someso, na Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Centro Integrado de Formación Profesional (CIFP) de Someso, onde comprobou o resultado do investimento de 53.000 euros acometido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dentro do Plan de mellora de bibliotecas escolares (Plambe). Rodeiro estivo acompañado polo xefe territorial, Indalecio Cabana, e foi recibido polo director do centro, Juan Carlos González Purriños, quen lle mostrou as instalacións

O delegado territorial lembrou que o investimento en centros non universitarios sostidos con fondos públicos para presente curso supuxo un esforzo total na provincia da Coruña de algo máis de 558.000 euros, e que desde a posta en funcionamento deste plan atendéronse as necesidades de 234 bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios.

Logo de visitar a biblioteca e felicitar ao equipo dicente polo seu “esforzo para reclamar para este centro un equipamento destas características”, Rodeiro fixo un percorrido polo resto das instalacións, interesándose polos detalles dos diferentes ciclos que se imparten nel. Na actualidade, o CIFP centro imparte familias profesionais de Edificación e obra civil, Fabricación mecánica, Imaxe persoal, Madeira, moble e cortiza, e Transporte e mantemento de vehículos. En total neste curso contan con 1.240 alumnos. Os ciclos de Formación Profesional Básica son compartidos co IES Elviña e o IES A Sardiñeira.

Neste curso veñen de poñer en marcha un proxecto de FP Dual, con Arlea Hotels, para o ciclo superior de Estética integral e benestar, e comezan dúas seccións bilingües que se suman ás cinco que xa teñen autorizadas de antes.

Ao servizo da innovación

Ovidio Rodeiro sinalou que “as bibliotecas escolares galegas están a demostrar que son un instrumento ao servizo da innovación e que poden ser a plataforma de impulso para que os centros exploren novos ámbitos e formas de actuación”. Neste sentido, o delegado agradeceu a implicación dos docentes que as coordinan. Non en balde, o estudo estatístico sobre bibliotecas escolares en España indica que en Galicia o 79,3% das bibliotecas escolares serven para apoiar o desenvolvemento do currículo, fronte á media estatal do 66,8%, e o 65,5% aplícanse nas actividades relacionadas co tratamento da información e a competencia dixital, fronte ao 28,9% de media de España.

Os datos da nosa Comunidade Autónoma, que está practicamente en todos os ítems por encima da media, mostran os resultados dos programas da Consellería nesta materia, tales como a posta en marcha do Plan LÍA que, ademais do mencionado Plambe, integra iniciativas e programas de éxito como Escornabots na Biblioteca Escolar, Voluntariado en Biblioteca, Hora de ler, Bibliotecas escolares solidarias, Radio na biblio ou os Clubs de Lectura, entre moitos outras iniciativas.

18 de decembro de 2017 | 18:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.