publicidade hoxe

A Xunta apoia con 85.000 euros o Programa de inclusión social que promove Alar Galicia e do que se benefician 40 mulleres luguesas con familias monoparentais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+
Manuel Balseiro na visita á entidade

Manuel Balseiro na visita á entidade

A Consellería de Política Social apoia con preto de 85.000 euros o programa de inclusión social que promove, na cidade de Lugo, a asociación sen ánimo de lucro Alar Galicia e do que se benefician máis de 40 mulleres que integran familias monoparentais en risco de exclusión social.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou a sede desta entidade para coñecer de primeira man as accións que alí se desenvolven, dirixidas á mellora da empregabilidade e ao acceso e permanencia no mercado laboral das mulleres beneficiarias do programa.

Na presente anualidade o groso das actividades estarán encamiñadas á realización de itinerarios de inserción personalizados, baixo a supervisión de técnicos especialistas e, xa o ano próximo, o programa completarase coa realización de prácticas en distintas institucións. De feito, o período subvencionable esténdese ata o 30 de xuño de 2018.

“O obxectivo é sempre a mellora das condicións de vida das persoas e colectivos que se atopan con maiores dificultades á hora de incorporarse á vida laboral normalizada. Neste caso concreto, centrámonos no apoio a colectivos como son en familias monoparentais, de mulleres con fillos, que á súa vez presentan problemáticas específicas que dificultan o seu acceso o mercado laboral”-dixo Balseiro

Outras liñas de colaboración con Alar Galicia son as que deron lugar á cesión a esta entidade dos locais nos que ten emprazada a actual sede, na que ademais do programa descrito desenvolven outros moitos apoios e servizos prestados por profesionais do eido social e xurídico.

Máis recursos para inclusión social

A Xunta de Galicia incrementa, un ano máis a achega destinada ás entidades que traballan en prol da inclusión social daqueles colectivos máis vulnerables, ao tempo que colabora no mantemento da totalidade dos centros de inclusión social autorizados en Galicia.

O departamento que dirixe José Manuel Rey Varela contará cuns orzamentos que, para o exercicio 2018 e nesta área concreta, volven medrar un ano máis ata alcanzar os 115,2 millóns de euros, un 8% máis que a partida reservada en 2017.

Ademais Galicia conta cunha Estratexia para a inclusión social 2014-2020 que ten entre as súas prioridades o impulso a aqueles programas e actividades que fomenten a inclusión sociolaboral das persoas usuarias dos servizos sociais.

5 de decembro de 2017 | 16:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.