publicidade hoxe

Arturo Parrado aposta polos centros sociocomunitarios como vía para o mantemento dun estilo de vida activo entre as persoas maiores

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilalba
A-
A+

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, visitou hoxe o centro sociocomunitario de Vilalba, co obxectivo de coñecer de primeira man as actividades que se desenvolven no mesmo. Parrado estivo acompañado polo delegado territorial da Xunta de Galicia, José Manuel Balseiro.

Durante a súa visita, o director xeral destacou que a Administración autonómica non é allea á importancia da integración das persoas maiores. Por iso, a Xunta de Galicia aposta por centros coma o que hoxe visitou, espazos nos que as persoas maiores poden convivir e socializar entre eles, ao mesmo tempo que se manteñen activos a través das diferentes actividades que levan a cabo nas instalacións. “Desde a Xunta de Galicia estamos a organizar actividades nos centros sociais e sociocomunitarios coma este para que as persoas maiores manteñan un estilo de vida activo”, explicou Parrado.

No presente exercicio, a Consellería de Política Social investiu 45.457 euros no centro lucense, que permitiron a mellora da eficiencia enerxética coa instalación dunha caldeira de calefacción de pellets así como a dotación de medios mecánicos para o servizo de fisioterapia que atende a 160 usuarios. Sen dúbida, ambas son melloras que axudan ao correcto funcionamento do centro e ao benestar dos usuarios.

Os centros sociocomunitarios son instalacións de carácter polivalente, abertos a toda a poboación e dotados de recursos humanos, materiais e financeiros, nos que se desenvolven todas aquelas actividades que demandan os usuarios, orientadas a manter e potenciar as capacidades intelectuais, físicas e creativas e a desenvolver os seus coñecementos informáticos. Deste xeito, os usuarios poden asistir a clases de ximnasia de mantemento, zumba, internet ou pintura entre outras.

No marco desta visita, o director xeral lembrou que a Estratexia galega de envellecemento activo desde a innovación 2016-2020 (Esgaen) busca dar resposta ás novas necesidades que xorden asociadas ao aumento da esperanza de vida en Galicia e que os maiores galegos teñan unha mellor calidade de vida durante máis anos a través dun modo de vida activo, saudable e independente, valores que se fomentan neste tipo de centros.

15 de novembro de 2017 | 17:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.