publicidade hoxe

O DOG publica a lista dos novos 26 deportistas galegos de alto nivel que, sumados aos recoñecidos en outras convocatorias, alcanzan os 356

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

O Diario Oficial de Galicia vén de publicar a resolución do 9 de outubro de 2017, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fai pública a lista de deportistas recoñecidos/as como deportistas galegos/as de alto nivel polo procedemento iniciado en xuño de 2017, así como as solicitudes desestimadas e a causa.

Ao abeiro desta resolución 26 novos deportistas (18 homes e 8 mulleres) son recoñecidos como deportistas galegos de alto nivel que se suman aos 330 recoñecidos en anteriores convocatorias. Deste xeito, Galicia conta no momento actual con 356 deportistas galegos de alto nivel (223 homes e 133 mulleres).

Cómpre lembrar que segundo a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, os deportistas de alto nivel poderán acceder a unha serie de beneficios como a concesión de axudas económicas; a inclusión nos programas dos centros de perfeccionamento técnico e nos programas deportivos dos centros deportivos de alto nivel; a consideración desa cualificación como mérito avaliable para o acceso a postos de traballo das administracións públicas relacionados coa actividade deportiva ou nos que se valoren méritos de carácter físico; a reserva dunha cota adicional de prazas para o acceso aos estudos universitarios ou non universitarios, sempre que reúnan os requisitos académicos necesarios; o establecemento de sistemas que permitan a compatibilización dos estudos e da actividade deportiva mediante a adopción de medidas académicas especiais; a exención dos requisitos que regulamentariamente se determinen para as probas de acceso a estudos relacionados co ámbito do deporte; os que, especificamente, poidan derivar de convenios que, de ser o caso, estableza a Administración autonómica con entidades de carácter público ou privado para a súa integración laboral ou profesional; ademais de todos aqueles que se poidan establecer legal ou regulamentariamente.

Novo decreto

A Secretaría Xeral para o Deporte está a traballar na elaboración do proxecto de decreto que desenvolverá ao deporte de alto nivel en Galicia. O pasado mes de xullo deuse inicio ao trámite de participación cidadá para compilar a opinión dos suxeitos e das organizacións máis representativas potencialmente afectadas polos futuros regulamentos acerca dos problemas que se pretenden solucionar coa iniciativa, a necesidade e oportunidade da súa aprobación, os obxectivos da norma e as posibles solucións alternativas regulatorias e non regulatorias.

O obxectivo é a regulación do deporte de alto nivel de Galicia de xeito que os deportistas, adestradores, árbitros e xuíces galegos que adquiran este recoñecemento se vexan beneficiados por novas vantaxes no eido educativo, laboral ou económico, entre outros.

A administración debe poñer a disposición deste colectivo unha serie de medidas que permitan compatibilizar a alta esixencia persoal do deporte de alto nivel coa consecución dunha formación académica que lles abra, nun futuro, a porta do mercado laboral, precisando unha axuda dirixida a súa integración e orientación, tanto laboral como social. Deste xeito, é necesario que os poderes públicos outorguen a protección e asistencia ao deporte de alto nivel, non só mediante axudas económicas concretas, senón tamén mediante outra serie de medidas.

11 de outubro de 2017 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.