publicidade hoxe

Redrum Teatro estrea en Santiago a montaxe ‘A canción do elefante’

A compañía compostelá Redrum Teatro estrea mañá mércores no Teatro Principal de Santiago o seu último espectáculo, A canción do elefante, un thriller psicolóxico que contou para a súa produción cunha axuda da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

A canción do elefante, orixinal do autor canadense Nicolás Billon, está dirixida por Álex Sampayo e interpretada por Ernesto Chao, Guillermo Carbajo e Patricia Vázquez. As funcións, que se prolongarán ata o sábado 16, todas en horario de 20,30 h, están cofinanciadas ademais pola Xunta de Galicia a través das suvbencións á distribución das industrias culturais.

A trama de A canción do elefante comeza cando un psiquiatra desaparece da súa consulta. A última persoa que o ve é Miguel, un paciente obsesionado cos elefantes. A pesar das advertencias da enfermeira xefe, o doutos Villaverde está decidido a atopar unha verdade que tan só Miguel parece coñecer…

O espectáculo foi presentado hoxe en Santiago polo seu director e protagonistas, nun acto no que tamén participaron a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas; e mais o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen saudou a montaxe como unha das interesantes propostas brindadas polos profesionais galegos da cultura neste inicio da temporada escénica 2017-2018, e referiuse a Redrum como “unha das compañías galegas ás que convén seguirlle a pista, xa que está a certificar, ano tras ano, unha traxectoria moi activa e consecuente, con espectáculos de éxito e ben coñecidos xa por moitos espectadores do país, tales como Amor flexible, Curriculum vitae, Moito conto ou Noiteboa”.

Axuda de 19.400 euros

O director da Agadic explicou que A canción do elefante conta co apoio da Xunta de Galicia, a través das subvencións á produción escénica convocadas pola Agadic, unha liña dotada con 600.000 euros e da que este ano se beneficiaron 31 montaxes galegas de distintos formatos e estilos. De feito, a proposta de Redrum é unha das cofinanciadas por esta canle, con algo máis de 19.400 euros dentro da categoría específica de espectáculos de pequeno formato (ata tres actores/actrices).

Lembrou tamén que o obxectivo destas subvencións non é outra que favorecer a estrea de novas producións galegas cara á súa progresiva incorporación nas próximas carteleiras de salas, teatros, auditorios e festivais. Insírense, ás súa vez, no programa anual de axudas da Agadic ao conxunto das industrias culturais galegas que, no caso concreto da actividade escénica, se completa coa convocatoria dirixida a salas privadas de exhibición, as destinadas a festivais e as de distribución de espectáculos.

12 de setembro de 2017 | 16:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.