publicidade hoxe

O DOG publica o inicio do proceso expropiatorio para a construción dunha senda entre Roxos e Aldea Nova, que contará cun investimento de 340.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+

A Xunta, a través da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do decreto polo que declara a urxente ocupación dos bens afectados pola construción dunha senda peonil na marxe dereita da estrada AC-543.

Esta vía conta cun orzamento de 340.000 euros e terá unha lonxitude aproximada de 980 metros, desde o tramo comprendido entre á saída de Roxos, no Concello de Santiago e o 5+040, urbanización Aldea Nova, no Concello de Ames. Para obter máis datos pódese consultar o seguinte link: https://goo.gl/W9u2qk.

Estas obras, que levará a cabo a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) e afectan a 8 fincas, serán cofinanciadas polo Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

A senda constará de aproximadamente dous metros de ancho, de formigón coloreado e separada da calzada por unha zona axardinada (de 0,9 m, salvo en zonas puntuais para reducir a afección), mais os bordos de separación. Como obras complementarias, instalarase un colector para canalización das augas de drenaxe e de catro tubos en previsión de futuras necesidades de redes de electricidade ou telecomunicacións.

Primeira fase Plan de Sendas

Na primeira fase do Plan de Sendas, identificáronse 55 que sumaban 75,6 quilómetros e contan cun investimento de 26,3 millóns de euros. Despois da súa finalización comezouse coa redacción de proxectos de construción nos que se definen as obras a acometer nos treitos de sendas identificados como necesarios.

Para executar estas actuacións, a Xunta de Galicia contactou cos concellos beneficiados, para lograr que as solucións fosen consensuadas.

Así, dos 55 itinerarios identificados saíron 48 proxectos construtivos, posto que en algúns casos foi aconsellable agrupar varias sendas nun só proxecto, así mesmo, durante a actuación aprovéitase para incluír melloras puntuais da estrada para incrementar a seguridade viaria de todos os usuarios.

21 de setembro de 2017 | 11:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.