publicidade hoxe

O IV encontro de Cacharreiros en Niñodaguia poñerá en valor o oficio da olería tradicional

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, inaugurou hoxe o IV Encontro de Cacharreiros en Niñodaguia, organizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria en colaboración co Concello de Xunqueira de Espadanedo e a Asociación Cultural Amigos do Barro de Niñodaguia, co obxectivo de achegar á sociedade e poñer en valor o oficio da olería tradicional galega.

Este encontro que se celebra ata o domingo, día 13, no Museo-Obradoiro de Olería do concello ourensán de Xunqueira de Espadanedo celébrase por cuarto ano consecutivo como impulso a un dos oficios artesanais que forma parte do patrimonio cultural galego. O evento, que se desenvolverá en horario de 11:00 e as 21:00 horas, acolle demostracións e venda de pezas de catro artesáns representantes dos diferentes centros oleiros existentes na actualidade en Galicia, dous oleiros de Tondela (Portugal), demostracións de tres ceramistas galegos e a demostración do oficio da tellería.

En concreto, os participantes neste IV Encontro de Cacharreiros son Agustín Vázquez e Enrique Cabana, representando ao centro oleiro de Niñodaguia (Ourense); Elías González do centro oleiro de Gundivós (Lugo); José Antonio Añón do centro oleiro de Buño (A Coruña); Xana Monteiro e Carlos Lima como representantes da olería portuguesa (Tondela, Portugal); os ceramistas Antón Román (Gondomar, Pontevedra), Susana González (A Coruña) e Carlos San Claudio (Vigo, Pontevedra) que farán demostracións da técnica de rakú e o telleiro do Rosal (Pontevedra) Jóse Álvarez “ O Buraco”, que participará o venres e sábado.

A posta en marcha desta iniciativa forma parte da estratexia integral de impulso ao sector artesanal que desenvolve a Consellería de Economía, Emprego e Industria, co obxectivo de conseguir un sector artesán sólido e sostible no tempo e que contribúa ao crecemento da economía galega.

11 de agosto de 2017 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.