publicidade hoxe

O conselleiro de Sanidade salienta a descentralización na atención a lesionados medulares, que mellora a asistencia a estes pacientes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA CoruñaLocal Portada
A-
A+
Jesús Vázquez Almuiña na inauguración do congreso. Foto: M. Fuentes

Jesús Vázquez Almuiña na inauguración do congreso. Foto: M. Fuentes

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, salientou hoxe que dende o pasado verán se está a realizar un proceso de descentralización na atención aos lesionados medulares coa intención de achegar a atención sanitaria aos pacientes nas mellores condicións.

Como consecuencia deste proceso, creouse unha unidade de neuro-rehabilitación no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo para a atención a lesionados medulares crónicos do sur de Galicia. Isto, destacou o conselleiro, púidose facer grazas á colaboración da Unidade da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) da Coruña, referencia da atención medular a pacientes crónicos en Galicia.

Almuiña presidiu hoxe na Coruña a inauguración da xornada Lesión Medular 2017. Expectativas, onde fixo fincapé na importancia da prevención. Parte importante da orixe destas patoloxías é debida a traumatismos, polo que a marxe de capacidade de acción das actuacións preventivas é, dixo, “amplísimo e trascendental”. Así, opinou que aínda que nos últimos años as paraplexias por accidentes de tráfico diminuíron, “sempre queda marxe de mellora”.

En Galicia a incidencia destas lesións é un pouco superior á da media española, con arredor de 30 casos por millón de habitantes. Supoñen, explicou o titular de Sanidade, un reto importante para o sistema sanitario e a sociedade en xeral, ao que se lle debe dar resposta de forma efectiva e equitativa. Por iso, sinalou a importancia de xornadas como a que se celebra hoxe, que permiten levar o coñecemento ata os enfermos e posibilitan que tanto profesionais como pacientes poidan tomar as mellores decisións de maneira compartida, coñecendo as súas mutuas inquietudes. “En definitiva, a xerar ideas e razoamentos que faciliten e melloren a práctica clínica e a atención ao lesionado medular en toda a súa realidade sanitaria e social”, afirmou.

Por último, Almuiña salientou o “inestimable” papel que xogan as asociacións, coas que Sanidade, no eido da súa responsabilidade política e social, está a potenciar estratexias de cooperación con todas aquelas organizacións que poidan achegar valor.

4 de xullo de 2017 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.