publicidade hoxe

A Xunta apoia a inserción social e laboral de xóvenes en risco de exclusión a través do Programa Mentor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, acompañados da directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, e do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitaron hoxe a vivenda tutelada de Pontevedra para mozos e mozas en risco de exclusión social coa que a Xunta de Galicia colabora a través do Programa Mentor.

Este servizo residencial está dirixido a aqueles rapaces e rapazas de entre 16 e 21 anos, que estean ou estivesen baixo tutela ou garda da administración pública, suxeitos a medidas xudiciais ou que sexan usuarios doutros programas dependentes de órgano xestor. En determinados casos, coma nos que os usuarios estean a realizar estudos universitarios, poden continuar no programa ata os 25 anos. O obxectivo do programa, que ademais da vivenda tutelada de Pontevedra pon a disposición dos usuarios outras cinco vivendas ademais doutras dúas de transición á vida autónoma para maiores de idade, é preparar aos mozos e mozas en risco de exclusión social para a vida independente.

A vivenda tutelada de Pontevedra ofrece un total de oito prazas e conta con 19 dependencias entre as que destacan catro baños, un aseo, unha cociña-comedor, dúas salas de estar, unha sala de estudo e cinco dormitorios para que os usuarios poidan ter o seu espazo e ao mesmo tempo estancias nas que interactuar co resto de mozos e mozas que habitan a vivenda. “Trátase dun fogar que cubre as necesidades dos mozos e mozas e representa un recurso exemplar no concello de Pontevedra”, declarou o conselleiro. Como parte do proceso de adaptación á vida independente, na vivenda tutelada realízase unha intensa intervención educativa, formativa e de desenvolvemento, que dota aos usuarios de habilidades persoais e sociais necesarias para lograr a emancipación. Ademais, proporciona aos participantes a capacitación para o acceso aos servizos de colocación, de formación e de busca de emprego.

Na actualidade, están cubertas catro das oito prazas que oferta a vivenda pontevedresa e, durante a visita, o conselleiro escoitou as impresións dos rapaces que xa pernoctan nela. Rey Varela subliñou que “desde a Xunta traballamos por un futuro inclusivo e é importante mimar o último paso, a saída do sistema de protección intentando garantir un non retorno á situación de risco de exclusión social”. O Programa Mentor amosa o compromiso de Galicia coas persoas novas que están en procesos de tutela e precisan unha especial atención e sempre apoiaremos a realización deste tipo de programas”, engadiu o conselleiro.
As necesidades que se procuran satisfacer a través do mentor son promover a integración social e laboral dos participantes, crear as estruturas axeitadas para o acompañamento, formación, emprego e seguimento dos mozos e mozas, preparalos para a vida independente e establecer redes de apoio á inserción por medio da colaboración con entidades públicas ou privadas que desenvolvan accións no marco laboral, formativo ou de atención. Asemade, para lograr os seu obxectivos dende o programa trabállase en catro liñas: formación, inclusión social, educación e desenvolvemento persoal.

Programa Mentor

O Programa Mentor, considerado boa práctica a nivel europeo, naceu na Comunidade Autónoma galega no ano 1998 como un programa unicamente de inserción laboral para menores tutelados. Progresivamente foron incrementándose os beneficiarios e obxectivos, sendo agora unha actuación máis integral na que se traballa a capacitación para a vida independente do menor, tanto laboral, como social. Esta iniciativa obtivo o ano pasado os mellores resultados de participación e contratación desde a súa posta en marcha ao rexistrar 534 beneficiarios.

No 2016 alcanzáronse 227 contratos en vigor o que supón un incremento do 224% con respecto ao ano 2010. Cómpre salientar que nos orzamentos para este exercicio de 2017 a partida económica reservada para o mentor increméntase de novo ata situarse por riba dos 1,6 millóns de euros.

No que atinxe á evolución do número de mozos e mozas beneficiarios desta iniciativa, pasáronse dos 422 no ano 2010 –dos cales 61 eran usuarios de vivendas tuteladas ou pisos asistidos- aos 534 do exercicio pasado -94 dos cales eran usuarios de recursos residenciais-.

A Xunta de Galicia destina máis de seis millóns de euros para inserción sociolaboral de mozos e mozas en risco de exclusión a través do Programa Mentor, cun contrato inicial que se prolonga ata o ano 2019. En concreto, no que se refire ao ano 2016, o orzamento do programa é de 1.621.616,20 euros, o que supón un incremento de preto de 30.000 euros con respecto ao do ano 2016.

24 de xullo de 2017 | 14:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.