publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Preséntase en Boiro a nova actualización da EIEL

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBoiro
A-
A+

Un total de 138 estradas con 174,5 quilómetros de extensión pasan por Ribeira, Boiro conta con 54 instalacións deportivas, o sistema de alumeado público de Rianxo está conformado por 2.528 puntos de luz e no concello de Noia hai 13 centros culturais. Son algúns exemplos dos datos que xa están dispoñibles a través da web da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais (EIEL). Esta ferramenta, impulsada pola Deputación da Coruña, vén de ser actualizada para a zona do Barbanza, constituíndo o repertorio máis completo das infraestruturas e servizos locais.

As novidades desta nova versión da enquisa foron presentadas hoxe polo presidente provincial, Valentín González Formoso, aos alcaldes da comarca, nunha reunión celebrada na Casa do Concello de Boiro, á que asistiron os alcaldes e alcaldesas de Boiro, Muros, Rianxo e Outes, e concelleiros de Noia, Lousame, Ribeira, Carnota, Porto do Son e A Pobra, entre outros representantes municipais.
Valentín González Formoso definiu a EIEL coma unha “completa radiografía dos equipamentos dos concellos de menos de 50.000 habitantes” e destacou a súa “utilidade para o deseño das políticas e a planificación de obras e investimentos tanto dos concellos como da propia Deputación”.

“A EIEL permite a transversalidade da información, volcando na rede todos os datos de infraestruturas e equipamentos dos concellos. Con este instrumento podemos saber cantos quilómetros ten a rede de saneamento en Rianxo ou cantas estradas pasan por Boiro”, apuntou o presidente provincial.

Máis de 4,5 millóns de datos

Formoso anunciou que a sétima actualización da enquisa, na que a Deputación está traballando en colaboración coa Universidade da Coruña (UDC), estará completada este verán e “catalogará un extenso inventario de máis de 4,5 millóns de datos”.

O presidente provincial recoñeceu que se trata dunha ferramenta aínda moi descoñecida, a pesar de que a Deputación coruñesa foi pioneira na súa posta en marcha no ano 1986. Ao longo destas tres décadas, a enquisa veuse actualizando periodicamente con novos datos e mellorando diversas ferramentas informáticas para xestionar e mellorar as funcionalidades e aplicacións prácticas desta base de datos.

Formoso sinalou que a EIEL ten un “especial interese” para os alcaldes, posto que pon a disposición dos servizos municipais unha inxente base de datos que “describe ao milímetro todo o territorio provincial”, permitindo coñecer datos como que na provincia existen actualmente 177.088 puntos de luz, 25.533 tramos de saneamento, 24.629 tramos de redes de abastecemento de auga, ou máis de 87.000 tramos de estradas.

Pola súa banda, o alcalde de Boiro, Juan José Dieste, agradeceu que a Deputación seleccionara o seu concello para realizar a presentación dun instrumento que considerou de gran utilidade para os gobernos locais. “Sen datos é imposible analizar a realidade e solucionar os problemas”, apuntou o rexedor boirense, que sostivo que a EIEL é moi eficaz nese sentido, pois “axuda a entender a realidade dos concellos”.

No apartado técnico, os encargados de explicar aos alcaldes e alcaldesas as novidades da actualización da EIEL foron Carlos Nárdiz, profesor de Urbanismo da UDC, e os expertos Joaquín Suárez, Miguel Rodríguez Luaces e Pablo Regueira, dos laboratorios de investigación de enxeñería, bases de datos e estudos territoriais da institución académica coruñesa, así como os responsables do servizo de Atención aos Concellos da Deputación, Francisco Freire e Pedro González.

Os responsables do desenvolvemento da EIEL expuxeron varios exemplos prácticos de datos recollidos na enquisa, como as distintas cualificacións do solo e plans urbanísticos de cada núcleo, así como os sistemas de saneamento e abastecemento de auga, que inclúen un importante volume de información coma os tipos de captación, os puntos de bombeo, lonxitude e diámetro da rede e anos de execución das obras.

A Deputación da Coruña, pioneira en facilitar o acceso público aos datos

Os responsables técnicos da UDC explicaron a complexidade da elaboración da EIEL debido á importante dispersión xeográfica e subliñaron que a Deputación da Coruña foi a primeira de España en adaptar esta inxente base de datos a un sistema XIS de información xeográfica, que fai máis fácil e intuitivo o acceso á información, permitindo visualizar cada dato nun mapa. Así mesmo, destacaron que a Deputación da Coruña tamén estivo entre as primeiras institucións públicas en abrir unha web con datos cartográficos para o uso público.

Cun simple clic, multitude de datos coma os equipamentos culturais, deportivos, sanitarios e de ocio de cada municipio, a rede viaria, a subministración eléctrica, o acceso a internet, os servizos de correo e telefonía, a recollida de residuos e plantas de tratamento, o abastecemento e saneamento de auga, as plantas de potabilización ou as depuradoras, entre outros elementos, son accesibles ás administración públicas e a calquera cidadán interesado.

Entre os retos de futuro da enquisa, Deputación e UDC proxectan agora a mellora da súa utilidade para os municipios, para a institución provincial e para a cidadanía en xeral, implantando novas funcionalidades que permitan realizar análises intermunicipais que comparen infraestruturas entre varios concellos, así coma a adaptación da web EIEL para a súa consulta a través de dispositivos móbiles, un dos principais modos de acceso a internet na actualidade.

15 de xuño de 2017 | 17:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.