publicidade hoxe

Educación licita a mellora enerxética no CEIP Vilaverde-Mourente por 442.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de licitar, por un importe de 442.000 euros confinanciados con fondos FEDER, as obras de rehabilitación integral do CEIP Vilaverde-Mourente, en Pontevedra, tal como publica hoxe o DOG, no enlace http://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170630/AnuncioG0164-260617-0002_gl.html.

Os traballos consistirán principalmente no illamento da fachada, a substitución das carpinterías actuais do edificio en mal estado por outras de aluminio con rotura de ponte térmica, a substitución dos vidros das carpinterías por outros dobres climalit e cámara de aire e illamento acústico; a colocación de novas persianas de aluminio con illamento térmico e caixas compactas; a substitución das luminarias por equipos de alta eficiencia enerxética con detectores de presenza nas zonas comúns; e a mellora da instalación de calefacción que inclúe o cambio de caldeira a biomasa.

Así mesmo procederase á substitución de falsos teitos por placas coas características acústicas axeitadas; acometerase a reparación e pintado de paramentos interiores e zonas exteriores sen ladrillo cara vista; e substituiranse as divisións interiores de paneis de madeira por tabiques autoportantes que permitirán unha mellor ado confort térmico.

Para levar a cabo estas intervencións de aforro enerxético no eido educativo, -que se enmarcan dentro das actuacións financiadas pola Unión Europea para a redución do CO2-, a Consellería realizou estudos de extrapolación enerxética en diferentes centros de Galicia, de tal forma que se puideran determinar as accións concretas para acadar este obxectivo tamén nos outros seis colexios nos que se vai actuar. De feito, na provincia de Pontevedra levaranse a cabo obras similares no CPI de Mosteiro, en Meis, que sairán a licitación en breve.

Esta actuación enmárcase dentro do plan de mellora da eficiencia enerxética que se puxo en marcha o ano pasado en toda Galicia e que continúa no presente exercicio, con actuacións en oito centros escolares a razón de dous por provincia, e que suporán un investimento de preto de catro millóns de euros.

30 de xuño de 2017 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.