publicidade hoxe

Ángeles Vázquez resalta a calidade dos investigadores de Medio Rural presentes nos foros internacionais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Ángeles Vázquez na inauguración do congreso Extech

Ángeles Vázquez na inauguración do congreso Extech

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, inaugurou esta mañá o XIX Congreso internacional sobre avances en Tecnoloxías de Extracción “Extech” que se celebrará ata o venres na facultade de Medicina. Durante a súa intervención, Ángeles Vázquez, aproveitou para felicitar aos investigadores dos centros dependentes da consellería e en particular do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e do Instituto Galego de Calidade Alimentaria, xa que colaboran na celebración destas xornadas.

“O excelente labor dos nosos investigadores lévanos a estar en todos os foros internacionais”, declarou a titular de Medio Rural, que agradeceu aos organizadores que elixiran Galicia, e en particular Santiago de Compostela, como sede para a edición deste ano dun congreso que reúne aos maiores expertos en tecnoloxías de preparación de mostras e de todo o proceso analítico. De feito, nesta edición están inscritas unhas 300 persoas procedentes de máis de 30 países.

Neste sentido, Ángeles Vázquez e a vicerreitora de Internacionalización da USC, Almudena Hospido, deron a benvida a todos os participantes á cidade. “Estou segura de que a hospitalidade galega conseguirá que os tres días de duración do simposio sexan inesquecibles para vostedes”, declarou a conselleira, que destacou a “oportunidade” que ofrecen este tipo de eventos para coñecer e incorporar avances e ideas.

De feito, presentaranse máis de 340 proxectos de investigación, ademais de outorgar premios ás mellores contribucións científicas. Doutra banda, tamén as casas comerciais terán a oportunidade de exhibir as súas propostas en instrumentación analítica.

Extech en Galicia

A conferencia segue o formato das conferencias anteriores que tiveron un gran éxito e “proporcionará a todos os participantes unha ampla actualización multidisciplinaria no campo das tecnoloxías de extracción”, declarou Vázquez.

O congreso Extech comezou en 1999 en Canadá e dende entón celébrase anualmente nunha cidade diferente. A próxima edición está previsto que se celebre no continente americano.

Investigación da consellería

A innovación e formación é un dos piares da Consellería do Medio Rural para facer máis competitivo o agro galego. De feito, este departamento conta con ata catro centro de investigación: o CIAM, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega), o Laboratorio Agrario e Fitopatolóxico de Galicia e o Centro de Investigación Forestal de Lourizán, e outros cinco de experimentación agroforestal en Guísamo (A Coruña), Sergude (A Coruña), Becerreá (Lugo), Monforte de Lemos (Lugo), o Pedro Murias de Ribadeo (Lugo) e, de novo, Lourizán.

28 de xuño de 2017 | 16:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.