publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Deputación de Lugo mellora con 300.000 euros a estrada que une A Fonsagrada coa Pontenova

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA FonsagradaA PontenovaLugo
A-
A+

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o Deputado da Área de Xestión Territorial, Manuel Martínez Núñez, e o Tenente de Alcalde da Pontenova, Francisco Martínez, supervisaron os traballos de mellora dun treito de 11 quilómetros da estrada LU-P-1904, que une o Concello da Fonsagrada, enclavado na Comarca da Montaña, co da Pontenova, na Mariña. O Goberno da Deputación inviste nestes traballos preto de 300.000 euros.

Os traballos de mellora nesta estrada abranguen desde o quilómetro 16 ata o 27 do seguinte xeito: asfaltado con aglomerado en quente dun treito de 4 quilómetros, entre o punto quilométrico 16 ata o 20, e pintado nun treito de 11 quilómetros, entre o quilómetro 16 e o 27, así como a limpeza de cunetas. Concretamente este vial comprende as parroquias de Vilaoudriz, Aldeguer, Neipín, Vilarxoane e Sanxés.

Campos Conde e Martínez Núñez explicaron que esta obra beneficia directamente aos máis de 6.000 veciños destes dous concellos rurais. Ademais de mellorar a comunicación viaria entre as dúas comarcas, o Presidente da Deputación lembrou que “co pintado e co novo firme mellórase a seguridade nunha zona pola que circulan moitos veciños e que está moi afectada pola néboa”.

Manuel Martínez asegurou que estes traballos de mellora “enmárcanse na política do Goberno da Deputación para atender a rede viaria da provincia, que é unha das extensas de España con 4.300 quilómetros. Nesa política estamos e o esforzo que facemos estase a ver nas estradas”

Con esta obra dáse resposta a unha demanda de todo o tecido asociativo, veciñal e empresarial destes Concellos, que clamaban por unha estrada fiable e segura. Hai que remarcar que este vial é moi utilizado por todo o sector da transformación da madeira destas zonas, actividades cunha intensa actividade económica.

Á espera de que a Xunta arranxe o seu treito da estrada

O Presidente reclamoulle á Xunta de Galicia que arranxe o treito de 5 quilómetros da estrada LU-741, de titularidade autonómica e que enlaza directamente coa LU-P-1904, impedindo a finalización dos traballos de mellora desde a saída da Pontenova.

A estrada presenta graves deterioros no firme, unha situación que empeorou nos últimos anos. Campos Conde subliñou que “na zona hai varias empresas con moita actividade diaria o que prexudica, polo tanto, a economía do Concello da Pontenova”, polo que lle esixe á Xunta o seu arranxo de inmediato.

12 de xuño de 2017 | 17:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.