publicidade hoxe

Lugo acollerá esta fin de semana o X Salón do Cabalo Equigal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioLugoLugo
A-
A+

O Deputado de Innovación, Participación Cidadá, Mocidade e Deportes, Pablo Rivera Capón, xunto ao concelleiro lucense Daniel Piñeiro, o xerente do Pazo de Feiras e Exposicións, Rubén López, e a coordinadora de Equigal, Marta Rodríguez, presentaron este mércores en San Marcos a décima edición de Equigal, o Salón Internacional do Cabalo de Galicia, que se celebrará no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo do 27 ao 30 de abril. O evento, que conta cunha achega de 31.000 euros do Executivo provincial e a colaboración do Concello nos aspectos organizativos, terá como acto principal o Concurso Nacional de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, un certame clasificatorio para o Campionato do Mundo ANCCE-SICAB que logrou consolidarse coma un dos máis importantes do calendario estatal.

Rivera Capón sinalou que este evento sitúa a provincia de Lugo como referente da gandería cabalar en Galicia e supón un “importante impulso económico, pois move un grande número de afeccionados e profesionais do mundo do cabalo. Ademais, o Deputado provincial destacou que, ao mesmo tempo, “Equigal constitúe unha alternativa de lecer para toda a familia, xa que hai previstos espectáculos ecuestres e actividades infantís, como os paseos en poni”.

Pola súa parte, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal de Lugo, Daniel Piñeiro, destacou que Equigal supón unha promoción de primeira orde para a cidade de Lugo, “cun forte retorno social e económico, que dende o Concello queremos poñer en valor. Seguiremos apoiando esta iniciativa, como xa fixemos coa primeira edición de Equiocio, celebrada na Semana Santa. Foi todo un éxito que, con toda seguridade, volverá a repetirse nas vindeiras edicións”, afirmou Piñeiro. O Concelleiro subliñou así

mesmo que certames coma este “fan cidade e promocionan a cidade, ademais dende unha perspectiva de coidado e respecto ao entorno e ao mundo animal, uns valores que precisamente constitúen un eixo fundamental do modelo de cidade que defendemos e polo que traballamos día a día dende o Goberno de Lugo”.

O principal evento da programación de Equigal é o Concurso Morfolóxico de Cabalos e Eguas de Pura Raza Española, no que se darán cita 120 cabalos das mellores ganderías, tanto do territorio galego coma do resto de España. Para seleccionar os exemplares, levarase a cabo un estudo da morfofuncionalidade dos exemplares. Por unha parte, clasificaranse os participantes segundo a calidade racial (fidelidade ao prototipo racial definido) e os aires naturais que presenta; e por outra, valoraranse as aptitudes de cada exemplar en canto á monta e a doma, de acordo a uns exercicios básicos e os seus respectivos movementos.

Actividades de lecer

Ademais do concurso morfolóxico arredor da Pura Raza Española, o salón Equigal acollerá 3 espectáculos ecuestres relacionados co mundo dos cabalos, dous deles gratuítos e un de pago; o venres 28 celebrarase o espectáculo de Doma de cabalos de Pura Raza Galega da man do polifacético Xacobo Pérez Paz e a Asociación Pura Raza Cabalo Galego; na xornada do sábado 29, os protagonistas serán os xinetes do Espectáculo do Carrusel Hípica Amazonas. E tras eles, terá lugar o Espectáculo “Duende ecuestre, el arte a caballo”, a cargo do Centro Ecuestre El Rebollido. Este espectáculo terá un novo pase na xornada do domingo 30; neste caso, a entrada custa 10 euros para os adultos, e 5, para os nenos.

O X Salón do Cabalo tamén conta con actividades de lecer infantil relacionadas co mundo ecuestre. Así, os máis pequenos terán á súa disposición inchables, obradoiros e un poni clube supervisado por monitores, que ofrecerá a oportunidade de tomar contacto por primeira vez coa arte da equitación, cun animal caracterizado pola súa nobreza e mansedume. A programación complétase coa zona expositiva, que inclúe postos de artesanía e produtos do campo.

A entrada de Equigal 2017 ten un prezo de 3 euros, dos cales unha parte serán doados a Fundación de Dano Cerebral (FUDACE).

Un salón consolidado

Equigal naceu no ano 2008 e dende entón logrou consolidarse coma o Salón Ecuestre de referencia no noroeste de España e un evento xerador de recursos económicos e de emprego. A organización estima que as transaccións económicas en Equigal xeraron o ano pasado un volume de negocio de máis de 1 millón de euros.

O certame conta coa colaboración da Asociación Nacional de Criadores de Cabalos de Pura Raza Española (ANCCE), que goza dun gran prestixio a nivel nacional e internacional, avalado polas exportacións de cabalos das súas ganderías a diversos países de Europa e América.

26 de abril de 2017 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.