publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cores Tourís clausura o obradoiro de emprego de Cambados no que se formaron en cantería e xardinería forestal a 20 alumnos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+
Cores Tourís na clausura do obradoiro de emprego

Cores Tourís na clausura do obradoiro de emprego

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, participou hoxe en Cambados na clausura e entrega de diplomas do obradoiro de emprego “Rexeneración Urbana e Medio Ambiental”, nun acto no que puxo en valor estes programas mixtos de formación e emprego que, segundo apuntou, incrementan a inserción no mercado de traballo dos seus participantes.

No acto, o delegado territorial estivo acompañado pola alcaldesa, Fátima Abal, así como polo xefe territorial de Economía, Emprego e Industria, Ignacio Rial. Este obradoiro contou cunha aportación da administración autonómica de 180.000 euros.

Os alumnos e alumnas terán a partir de agora máis oportunidades para atopar un emprego nas especialidades de Cantería e Xardinería Forestal. Recibiron, ademais, formación complementaria en sensibilización na igualdade de oportunidades e ambiental, informática, técnicas para atopar un emprego e en prevención de riscos laborais.

Os 20 alumnos que se formaron e traballaron neste obradoiro levaron a cabo diferentes traballos no concello de Cambados, e deste xeito actuaron na rúa Celso Emilio Ferreiro, onde retiraron o pavimento antigo para substituílo por lousado de pedra natural silvestre moreno acorde co entorno histórico, e desenvolveron proxectos de rexeneración, acondicionamento e mellora das áreas recreativas nos centros culturais dos núcleos rurais.

A provincia de Pontevedra contou nos últimos 6 meses con 29 obradoiros que formaron a máis de 600 persoas. “Cinco destas iniciativas corresponderon a obradoiros para menores de 25 anos que xa, na anterior edición, tiveron unha moi boa acollida”, engadiu o delegado territorial, quen destacou os case cinco millóns de euros destinados a estas iniciativas en 2016.

Nova convocatoria

Ata o 3 de abril está aberta a convocatoria de axudas para os obradoiros de emprego á que este ano a Xunta destina un total de 20,5 millóns de euros, preto dun 50% máis que na convocatoria inicial anterior, tanto para os programas ordinarios como para os específicos para os menores de 30 anos.

“Este ano inclúense diversas novidades como é que a partir de agora se valorará a relación da iniciativa co tecido empresarial da zona onde teña lugar o obradoiro e as posibilidades de inserción”, explicou o delegado territorial quen engadiu que ademais, “ampliarase a duración ata os 9 meses”. Os concellos resultantes de fusións contarán con maior puntuación, primaranse os proxectos relacionados coa Industria 4.0 e os sectores estratéxicos e terán preferencia as persoas e colectivos que máis o precisen como son os beneficiarios da Renda de Integración Social, as mulleres, vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social. O Goberno galego prevé con esta convocatoria beneficiar a máis de 2.000 persoas.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra aproveitou o acto para expor as vantaxes que supoñen os obradoiros de emprego como é a súa contribución a fixar poboación no rural. “Para o Goberno galego é unha prioridade o rural e, por iso, lembrou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de activar con 30 millóns de euros un programa específico de formación e emprendemento no rural co que se prevé beneficiar a 13.000 persoas”, matizou José Manuel Cores Tourís.

Esta iniciativa inclúe 10 medidas entre as que destacan a posta en marcha de obradoiros que centrarán a súa actividade no rural co deseño de 70 programas mixtos con contidos específicos para cada zona. Outras medidas innovadoras do plan son a Formación á porta que levará ata os concellos sen centros homologados os certificados de profesionalidade.
Cores Tourís, por último, destacou que os obradoiros, ademais de ofrecer unha formación de calidade e un acceso a un emprego cun contrato fomentan a colaboración institucional. “A formación é a chave que pode abrir oportunidades de cara ao futuro no eido laboral”, indicou, ao tempo que asegurou que “ninguén coñece mellor que os concellos as demandas e necesidades dos cidadáns, as obras e servizos máis necesarios e as oportunidades de emprego de cada zona”.

Agradeceu, deste xeito, a colaboración e coordinación dos concellos cos obradoiros de emprego para contribuír a mellorar o emprego nas comarcas de Galicia.

30 de marzo de 2017 | 17:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.