publicidade hoxe

A Xunta informa a Ordes da adxudicación das obras de mellora da estrada que vai a Cerceda

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+
Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Ordes

Ethel Vázquez na reunión co alcalde de Ordes

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, mantivo hoxe unha xuntanza de traballo co alcalde de Ordes, José Luís Martínez, ao que lle trasladou que a Xunta adxudicou as obras de mellora da estrada que vai a Cerceda, ao seu paso por Mercurín, co obxectivo de comezalas no vindeiro mes de abril.

Estas actuacións, que se levarán a cabo entre os p.q. 0 e 7 da citada estrada, foron adxudicadas á empresa Construcciones Ponciano Nieto S.L por un investimento de máis de 1,6 millóns de euros e un prazo de execución dun 18 meses.

A Consellería de Infraestruturas prevé convocar aos propietarios dos terreos para o pago dos depósitos previos nos primeiros días do mes que vén.

Esta actuación redundará nunha maior comodidade nos desprazamentos e tamén nun incremento da seguridade viaria. Trátase dunha estrada, cuxa titularidade asumiu a Xunta, na que se levarán a cabo obras de ensanche e acondicionamento ao longo dun treito de arredor de 7 quilómetros.

Os traballos centraranse na ampliación da plataforma ata acadar un ancho de 9 metros, máis adaptado ás necesidades de mobilidade nesta zona, na que predominan os vehículos pesados, xa que é un dos principais accesos ás empresas de Cerceda, onde están industrias tan importantes como Sogama.

O proxecto tamén contempla intervencións nas principais interseccións, habilitaranse pequenos carrís de aceleración e desaceleración para favorecer as incorporacións e tamén semiglorietas que facilitarán os cambios de sentido en condicións de maior seguridade. Construirase unha glorieta no acceso ao complexo medioambiental de Sogama, o que permitirá realizar os xiros e todos os movementos coas máximas garantías de seguridade.

2 de marzo de 2017 | 17:53 • Sen comentarios

Comentarios pechados.