publicidade hoxe

A Xunta defende en Bruxelas que a futura PAC contribúa á creación de emprego no rural

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo participou hoxe na Comisión de Recursos Naturais (NAT) do Comité Europeo das Rexións onde defendeu que o futuro da Política Agrícola Común (PAC) contribúa á creación de emprego no rural.

A reunión celebrada hoxe centrouse sobre como a Política Agrícola Común (PAC) pode contribuír ao crecemento e á creación de emprego despois de 2020. As preocupacións da nosa comunidade foron expostas polo director xeral, nunha reunión que tivo un obxectivo dobre: por unha banda, impulsar un debate político sobre o futuro da PAC desde un punto de vista local e rexional; e por outro, comezar a preparar un ditame de NAT sobre o futuro da PAC.

O número de explotacións agrícolas en Europa caeu nun 20% só entre 2007 e 2013, o que vén acompañado dunha insuficiente substitución xeracional, xa que o 30% dos agricultores teñen máis de 65 anos. Por iso, o Parlamento Europeo adoptou recentemente unha comunicación no que fai un chamamento a repensar os obxectivos da PAC para establecer unha política pública que beneficie a todos. A PAC sufriu varias quendas de reformas, a última das cales se decidiu en 2013 e aplicouse en 2015. Desde entón, o contexto no que se forxou esa reforma cambiou notablemente, cunha diminución substancial dos prezos agrícolas e novos compromisos internacionais subscritos pola UE, como a COP 21 en materia do clima. Todo iso propiciou un intenso debate público sobre se a reforma de 2013 foi o suficientemente lonxe para responder aos amplos retos aos que se enfronta o mundo rural.

Propostas da Xunta de Galicia

Co fin de fixar unha postura galega con vistas á renovación da Política Agrícola Común (PAC) a partir de 2020, o goberno de Galicia consultará ao sector agrogandeiro para buscar o máximo consenso. Esta posición deberá acordarse co Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama), para que este, á súa vez, defenda a posición de Galicia e a do conxunto de España nas institucións comunitarias.

A Xunta de Galicia márcase como grandes liñas de traballo a fixación da poboación no rural, a defensa de Galicia como rexión europea produtora de alimentos de calidade e a equiparación das rendas rurais e urbanas. Para iso é imprescindible que os mozos galegos e europeos vexan o rural atractivo e sen diferenzas entre a renda do campo e a urbana, polo que a PAC ten que velar polo establecemento dunha renda básica e por facilitar a incorporación dos máis novos que, ademais, son ao mesmo tempo os máis concienciados pola preservación do medio ambiente.

Desde o Goberno galego xa se traballou nesta dirección. De feito, durante este ano foron 618 os mozos que recibiron axudas da Xunta de Galicia para poñer en marcha as súas iniciativas empresariais no sector agrario, dos que é importante destacar que a metade deles teñen estudos medios e superiores e ven no rural un futuro.

A importancia da PAC para Galicia

A Política Agraria Común ten unha gran importancia para España en xeral, pero moi en particular para Galicia. Na convocatoria 2017-2018 de axudas da PAC, uns 190 millóns de euros beneficiarán a uns 33.000 galegos. Isto atópase motivado porque Galicia é unha das grandes produtoras de alimentos de calidade a nivel europeo pero tamén español, posto que a nosa rexión segue concentrando o 40% da produción láctea en España e o 55% das explotacións. Hai que ter en conta que o 97,8% do noso territorio é rural e caracterízase por un envellecemento progresivo da poboación. É por iso que o Goberno galego considera fundamental que os gandeiros e agricultores galegos xoguen un papel relevante na futura PAC, unha política que debería servir á súa vez para xerar emprego na nosa rexión.

8 de marzo de 2017 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.