publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Axencia Enerxética Provincial da Coruña asesorará ao concello de Cariño en materia de eficiencia enerxética

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaCariño
A-
A+

A Fundación Axencia Enerxética Provincial da Coruña (FAEPAC), dependente da Deputación da Coruña, asesorará ao concello de Cariño en materia de aforro e eficiencia enerxética. Así o establece o convenio asinado hoxe entre o presidente provincial, Valentín González Formoso, e o alcalde cariñés, José Miguel Alonso Pumar.

Os técnicos da FAEPAC realizarán unha análise enerxética das instalacións e dependencias municipais do concello, co obxectivo de establecer un plan personalizado de mellora da eficiencia enerxética, uso racional da enerxía e fomento de fontes renovables.

A axencia provincial tamén se compromete a prestar asesoramento técnico en todas as actuacións que desenvolva o concello de Cariño en materia enerxética. Neste sentido, realizarase un seguimento e control do consumo de electricidade, auga quente e calefacción dos servizos públicos e manterase informado ao concello sobre as modificacións lexislativas e tarifarias, as convocatorias de axudas públicas e os novos materiais, produtos sistemas e servizos susceptibles de ser implantados nas instalacións municipais.

Así mesmo, a FAEPAC encargarase da formación do persoal do Concello, para que adquiran as competencias necesarias para asegurar a redución das emisións e a mellora da calidade ambiental no municipio.

González Formoso manifestou que, a través da prestación destes servizos, un dos obxectivos do actual goberno provincial é “revitalizar a FAEPAC axudando aos concellos a aforrar na factura eléctrica”, que para algúns municipios do ámbito rural supón xa a maior partida do gasto corrente.

Coa incorporación de Cariño, A FAEPAC presta xa servizos de asesoría e de análise e control de facturación eléctrica a 21 concellos da provincia, permitindo importantes aforros aos municipios. Así, durante o pasado exercicio, concellos coruñeses de entre 5.000 e 30.000 habitantes aforraron máis de 20.000 euros na factura eléctrica, e os de 3.000 a 5.000 reduciron os seus gastos anuais en máis de 50.000 €.

Charla en Cedeira sobre cómo aforrar no recibo da luz

Por outra banda, Cedeira acollerá mañá xoves, ás 20 horas na sala Áncora, unha charla informativa da FAEPAC co obxectivo de mellorar o coñecemento que os cidadáns teñen sobre a factura eléctrica.

Durante esta xuntanza, os veciños poderán amosar aos técnicos da axencia enerxética as súas facturas para que as revisen e lles axuden a comprender os diferentes conceptos facturados. Así mesmo, os técnicos darán claves e pautas para reducir o consumo e aforrar.

Na sesión formativa tamén se abordarán outros temas coma os trámites a seguir para solicitar axudas en materia enerxética, o funcionamento dos contadores intelixentes ou a formulación de reclamacións ás compañías comercializadoras de electricidade.

22 de marzo de 2017 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.