publicidade hoxe

Xustiza Social saca a licitación a edición do programa educativo ‘Idiomas do Mundo’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Concello da Coruña vén de sacar a licitación a organización e xestión do programa educativo Idiomas do mundo, posto en marcha o ano pasado desde a Concellería de Xustiza Social e Coidados –con competencias na área de educación– para dar a oportunidade a 80 alumnas e alumnos de realizar unha estadía de catro semanas durante o verán en distintos destinos europeos. O programa, que conta cun orzamento de 192.000 euros, ten como obxectivo permitir ao alumnado participar nunha experiencia de inmersión lingüística e, ao tempo, fomentar a educación no respecto á igualdade e a diversidade a través dunha experiencia de achegamento a outras culturas.

A actividade, que este ano se amplía ao alumnado de 1º de Bacharelato ademais do de 4º de ESO, inclúe a acreditación do nivel acadado de acordo co Marco Común Europeo de Referencia para as linguas portuguesa, inglesa, francesa e alemana, e ofertará como destinos Portugal, Francia, Austria ou Alemaña e República de Irlanda ou Reino Unido. Tal e como salienta a concelleira desta área, Silvia Cameán, o programa afonda este ano nos criterios de progresividade, “para facilitar o acceso a persoas con menores recursos económicos”, a través de bolsas completas para as familias con rendas per cápita anuais menores a 8.387 (e parciais para rendas superiores). O ano pasado, xa o 72% dos e das estudantes que participaron no programa fixérono a custo cero.

As accións educativas impulsadas desde Xustiza Social e Coidados para a adquisición de competencias lingüísticas e culturais como Idiomas do Mundo , indica a concelleira, complétanse este ano coa posta en marcha do programa A Coruña no mundo. Bolsas de Estudos Junior Year , a través do cal 60 estudantes poderán realizar o vindeiro curso 2017/2018 nos Estados Unidos.

20 de febreiro de 2017 | 18:26 • Sen comentarios

Comentarios pechados.