publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Ribeiro érguese como o mellor Consello Regulador de España

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaRibadavia
A-
A+

O Consello Regulador da D.O. Ribeiro foi o gañador na categoría de “Mellor C.R.D.O. de viños do ano 2016” nos prestixiosos Premios Verema 2016. Un importante e especial galardón xa que se outorga mediante votación de profesionais e afeccionados ao viño de toda España. É o primeiro Consello Regulador de Galicia en recibir este galardón. O presidente do organismo, Felicísimo Pereira indica sentirse “moi satisfeito porque é un premio dado por xente do viño de toda España e porque competiamos con grandes consellos reguladores. Un premio que demostra que o consello regulador é cada vez máis sólido e vai polo bo camiño”. 

Cada ano, Verema presenta as candidaturas aos seus Premios Verema en 12 categorías distintas e con 12 candidatos en cada unha delas. A selección dos 12 candidatos en cada apartado realízaa o equipo de redacción de Verema tendo en conta os comentarios e notas de cata publicados polos usuarios en Verema.com, así como a traxectoria histórica, traballo de divulgación e promoción e presenza que tiveron durante o último ano.  O C.R.D.O. Ribeiro competía con Consellos Reguladores como Rioxa, Cava, Penedès, Xerez-Xeres-Sherry ou Navarra. Na pasada edición outorgáronllo a Ribeira do Douro. Cristina Alcalá, xerente do C.R.D.O. Ribeiro, móstrase “feliz polo recoñecemento a un ano de moito esforzo; é un premio para o persoal do consello e para todas as adegas da D.O. Ribeiro”.

O acto de entrega dos Premios Verema terá lugar o sábado 25 de febreiro dentro do marco da Experiencia Verema Valencia nun acto previo á cata de clausura.

Sobre Verema

Verema é o portal líder de consumidores de viño español con máis de 5,5 millóns de usuarios únicos/mes e referencia de fala hispana do sector, ocupando a primeira posición de comunidade de foreros a nivel mundial. Os seus asociados son profesionais e winelovers de poder adquisitivo medio-alto, bloggers, prensa, hostalaría, distribución… Este soporte de comunicación conta ademais cunha ampla  difusión en medios especializados, e redes sociais, así como a súa propia comunicación dentro do portal verema.com.

Sobre a Denominación de Orixe Ribeiro

A Denominación de Orixe Ribeiro é máis antiga de Galicia, oficialmente protexida no ano 1932, e unha das máis antigas de España. Actualmente confórmana 107 adegas situadas nos vales formados polos ríos Miño, Avia e Arnoia, no noroeste da provincia de Ourense. A D.O. Ribeiro ten unha extensión de 2.646 hectáreas de viñedo situados nos municipios de Arnoia, Beade, Boborás, Carballeda de Avia, O Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Cortegada, Leiro, Ourense, Punxín, Ribadavia, San Amaro e Toén. Un territorio de gran diversidade vitivinícola onde traballan uns 5.800 viticultores. A D.O. Ribeiro produce viños brancos e tintos xenuínos con variedades autóctonas locais: Treixadura, Loureira, Sousón, Brancellao… Así como o Tostado do Ribeiro, un viño naturalmente doce de longa tradición na zona que data do século XIX. A produción da colleita 2016 na Denominación de Orixe foi de  11,6 millóns de quilos de uva. O 92% da produción total é viño branco e 8% viño tinto.

8 de febreiro de 2017 | 17:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.