publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

As merendas con contos de febreiro chegan a Sober repletas de actividades

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O programa de animación á lectura ‘Merendas con Contos’ desenvolvido todos venres na Biblioteca Municipal do Concello de Sober en horario de 17:30 a 19:00 horas, chega repleto de actividades o mes de febreiro.

Este venres, día 3, inaugurarase o mes co obradoiro de cociña ‘Coas mans na masa’. Ademais, os nenos e nenas participarán nun obradoiro de animación á lectura onde descubrirán os  contos: ‘Macedonia de froitas’ de Tono Núñez e Mingos Teixeira; ‘A sopa de letras’ de Amaia Crespo; ‘A bruxa desdentada’ de Joles Sennell e ‘Conto para contar mentres se come un ovo frito’, de Pep Bruno e Mariona Cabassa.

O vindeiro venres, día 17, os máis pequenos pasarano en grande nun obradoiro de comades e compadres para festexar o Entroido. Para conmemorar estas datas festivas tamén lerán o libro ‘Os bolechas van de Entroido’, de Pepe Carreiro.

O último venres do mes, día 24, os cativos celebrarán o nacemento de Rosalía de Castro e o Día de Lingua Materna coa lectura de diversos poemas da autora galega. Ademais participarán nun divertido obradoiro de Photocall. 

O alcalde do Concello soberino, Luis Fernández Guitián, puxo en valor esta exitosa iniciativa das Merendas con Contos que ten como finalidade “ofrecer un espazo lúdico e cultural para que os nosos nenos e nenas se familiaricen coa biblioteca e coa lectura” e animou a todos os soberinos e soberinas a que leven aos seus fillos e fillas a participar diversas actividades que se organizan.

1 de febreiro de 2017 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.