publicidade hoxe

Un total de 65 alumnos de sete equipos asistirán a xornada de formación do Club de Debate

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

O Pazo da Cultura acollerá mañá venres 20 de xaneiro, entre as 10 da mañá e a 1 do mediodía, unha xornada de formación en habilidades comunicativas que dá comezo ao Club de Debate.

Na xornada de formación de mañá participarán sete equipos, en total 65 estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º de Bacharelato de IES de Pontevedra e Negreira. Os IES Luís Seoane, Torrente Ballester, Sánchez Cantón, Ponte Caldelas e o colexio San Narciso de Marín participarán con cadanseu equipo, mentres que o IES de Negreira participará con dous equipos.

O curso de comunicación para os equipos do Club de Debate estará impartido por Tagen Ata, Lingua e Comunicación, no salón de actos do Pazo da Cultura, para que as mozas e os mozos que van debater o 4 de marzo vaian afacéndose ao espazo. Durante tres horas traballarán contidos teóricos e prácticos centrados na comunicación como proceso grupal e social; o papel da voz na comunicación: ton, intensidade, ritmo; a ordenación do discurso oral; a importancia da escoita e os factores que a condicionan; a comunicación non verbal: a mirada e a xestualidade; e outros recursos que axudan a mellorar a comunicación grupal para preparar os debates.

Na organización do Club de Debate para este curso colaboran nove concellos, a través das concellarías de Normalización Lingüística, que se dividirán en tres zonas con fases previas á final. Na fase da zona de Pontevedra este ano colaboran co Concello de Pontevedra os concellos de Negreira e Rois, con dous equipos cada un que debaterán en Pontevedra o sábado 4 de marzo.

Os obxectivos do Club de Debate son: favorecer o emprego da lingua galega entre a mocidade, especialmente o uso oral en contextos formais e informais; potenciar a fluidez comunicativa ligada á oratoria; promover o pensamento crítico e analítico sobre temas de actualidade, deixando de lado os estereotipos da mocidade en canto intereses e preferencias e fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo.

19 de xaneiro de 2017 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.