publicidade hoxe

Sete formacións de seis países dan forma ao cartel do 10º aniversario do festival Pórtico do Paraíso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioEsgosLocal PortadaOurenseOurenseXunqueira de Ambía
A-
A+

Sete formacións de cámara procedentes de seis países actuarán do 3 ao 12 de marzo en diferentes espazos singulares de Ourense, Esgos e Xunqueira de Ambía como parte do cartel co que o Festival Internacional de Música de Ourense Pórtico do Paraíso conmemora o seu décimo aniversario.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), volve ser unha das entidades colaboradoras do encontro no marco do seu apoio á difusión da música culta entre o público galego. Neste caso, este obxectivo cúmprese por medio de sete concertos de grupos vocais, de cámara e solitsas de España, Francia, Gran Bretaña, Hungría/Palestina e República Checa, así como de dous encontros artísticos no Conservatorio Profesional de Música de Ourense.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe na presentación da décima edición do festival xunto a José Manuel Baltar, presidente da Deputación Provincial de Ourense; Jesús Vázquez Abad, alcalde de Ourense; Juan Enrique Miguéns, presidente da Asociación Pórtico Musical; e Valentina Granados, vicepresidenta da Asociación Española de Festivales de Música Clásica Festclásica.

Na súa intervención, Jacobo Sutil felicitou os promotores do encontro –o Concello de Ourense e Pórtico Musical– por estes dez anos de traxectoria durante os que “souberon combinar, manter e mesmo incrementar o interese artístico deste festival co tecido da rede de apoios necesarios para facer del unha iniciativa forte e consolidada”, asegurou.

Novos públicos e vocacións musicais

Enmarcou o apoio da Agadic a esta iniciativa dentro do programa de accións da Administración autonómica para a promoción da música culta, ben no ámbito dos conservatorios, orquestras e escolas de música, ben a través da promoción de concertos que –como no caso dos programados polo Pórtico do Paraíso– contribúen a crear públicos e a forxar vocacións.

En palabras do director da Axencia Galega das Industrias Culturais, o festival “atende a dúas realidades: a do goce da execución música en lugares de gran beleza arquitectónica e a atención aos estudantes de música. E isto sen desmerecer outros acertos como a extensión da súa programación a outras localidades da provincia, como Xunqueira de Ambía e Esgos”.

Programa en Ourense

Así, na cidade de Ourense, a catedral de San Martiño acollerá o venres 3 de marzo o concerto inaugural desta décima edición, a cargo do grupo instrumental e vocal inglés His Majestys Sagbutts and Cornetts. O domingo 5 será a quenda do Haroni Duo, formación húngaro-palestina do pianista Bishara Haroni e a violinista Adi Haroni, que tocará no Teatro Principal e protagonizará, así mesmo, un dos encontros co alumnado do Conservatorio de Música ourensán. Estas accións formativas contarán tamén coa participación do grupo galego de música antiga Resonet.

A programación continuará o mércores 8 de marzo no Museo Arqueolóxico co dúo galego Mercedes Hernández e Fernando Reyes (voz, cítolas e laúdes medievais), a representación española nesta carteleira xunto co recoñecido ensemble barroco Accademia del Piacere, que actuará o venres 10 na igrexa de Santa María Nai. Outro dos escenarios ourensáns será a igrexa de Santiago de Caldas, que o domingo 12 acollerá o concerto do orixinal quinteto vocal británico The Orlando Consort.

Xunqueira de Ambía e Esgos

Outra formación vocal masculina, o octeto da República Checa The Gentlemen Singers, será a protagonista da extensión do festival en Xunqueira de Ambía, co seu recital do sábado 4 de marzo na igrexa de Santa María A Real, mentres que a voz e a arpa medieval da francesa Brigitte Lesne soarán o sábado 11 de marzo en San Pedro de Rocas, en Esgos.

A partir de hoxe quedarán activados os novos contidos da web www.porticodoparaiso.com, coa información sobre a venda anticipada de entradas, así como sobre o servizo de gardería que manterá a organización durante os concertos.

23 de xaneiro de 2017 | 16:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.