publicidade hoxe

O CEIP de Carril pon en marcha a quenda única de comedor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVilagarcía de Arousa
A-
A+

O CEIP de Carril en Vilagarcía de Arousa puxo en marcha hoxe a quenda única de comedor dando así servizo a 197 usuarios, segundo asegurou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís.

A quenda única púxose hoxe en marcha tralas obras que se realizaron nos últimos días no comedor do centro co obxectivo de que puidera ampliarse o espazo para os 20 usuarios que, a maiores, solicitaron ese servizo ao inicio de curso e quedaron fora do mesmo.

O horario a partir de hoxe é de 14.15 a 15.05 horas, de xeito que os nenos pasan a ser recollidos en transporte escolar ás 15.15, e se alarga o tempo para a comida de 30 a 50 minutos.

As obras realizadas pola Xefatura de Educación en Pontevedra están practicamente rematadas á espera de concluír pequenos detalles que non impiden o normal funcionamento do comedor. Estes traballos permitiron dar solución ás reclamacións sobre as listas provisionais do servizo de comedor do pasado ano 2016, cando alumnos con irmáns maiores que si gozan deste servizo quedaron fora dos admitidos, o que provocou a toma da decisión por parte da administración autonómica de poñer en marcha unha segunda quenda para poder ofrecer o comedor a tódolos solicitantes.

“O obxectivo de executar estes traballos de ampliación do comedor é, sen dúbida, favorecer a conciliación da vida familiar e laboral”, explicou Cores Tourís.

Con respecto ao transporte escolar, o responsable territorial recordou que se atopa vinculado neste centro, como tamén ocorre en Rubiáns e en Vilaxoán, ao comedor, ao ser maioritario o número de usuarios deste servizo. En 2007, o Consello Escolar de Carril, cun equipo directivo diferente ao actual, aprobou a implantación do comedor para o curso 2007-8, de xeito, que o autobús das 14.15 deixaría de utilizarse en favor dos alumnos de comedor que ían ser maioría.

En breve o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, visitará este centro para comprobar o remate definitivo dos traballos, así como o IES Miguel Ángel Estévez, e a execución do pavillón do CEIP de Rubiáns.

9 de xaneiro de 2017 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.