publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Cerdedo-Cotobade prepara o seu orzamento aforrando o 32% en cargos políticos e unha soa adicación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobade
A-
A+

O Concello de Cerdedo-Cotobade está na fase final da elaboración do seu primeiro Orzamento Municipal, que contará cun importante aforro en soldos e asistencias a órganos dos cargos políticos, xa que o importe desta partida reducirase nun 32% e só haberá unha adicación exclusiva, unha circunstancia que xa se produce dende o pasado mes de novembro e que se verá confirmada na previsión de contas para o ano 2017. Segundo as estimacións iniciais, e a falla de axustar as cifras con total exactitude, o Concello vai destinar no presente exercicio 72.880 euros ao único salario municipal e ás asistencias dos 19 membros restantes da xunta xestora aos distintos órganos: plenos da corporación, xuntas de goberno local e comisións informativas. Ata o momento, esta partida sitúabase lixeiramente por riba dos 105.000 euros anuais e había dúas adicacións exclusivas para os dous rexedores, aínda que se reducíu a unha soa o pasado novembro.

No Orzamento Municipal 2017 os gastos na área de cargos políticos suporán apenas o 1,45% do total das contas, que roldarán os 5 millóns de euros e que primarán, tal e como se anunciou hai algunhas semanas, as partidas destinadas a Servizos Sociais, Emprego, Investimentos e reforzo e mellora de todos servizos públicos municipais. Cómpre lembrar que, con anterioridade á fusión municipal, as cifras de Cotobade e Cerdedo arroxaban que os pagos a cargos políticos superaban o 3% do orzamento. En todo caso, este aforro en cargos políticos só supón o primeiro chanzo na diminución desta partida, xa que está previsto que os gastos aínda sexan menores tras as eleccións municipais de 2019, xa que a corporación municipal estará conformada por 13 membros fronte aos 20 da actual xestora, polo que minguarán alomenos nun 36% as cantidades adicadas ás asistencias a plenos e comisións informativas. Neste apartado poderían aforrarse ata 8.000 euros anuais máis para deixar o gasto en cargos políticos por debaixo dos 65.000 euros.

Ao respecto, Cubela destacou que o goberno “está a cumprir o que prometeu cando apostou pola fusión, xa que estase producindo un aforro moi importante en partidas coma esta que permiten destinar máis recursos aos cidadáns”. Neste senso, quixo recalcar que, malia as “inxustificadas críticas” da oposición no pleno de Organización, “só hai un soldo municipal, o que demostra que dicimos a verdade e que o único que nos guía é darlle unha oportunidade de futuro a esta terra adicando todos os recursos que poidamos a mellorar a calidade de vida dos veciños”.

24 de xaneiro de 2017 | 18:23 • Sen comentarios

Comentarios pechados.