publicidade hoxe

A Eurocidade Tui-Valença estuda a mellor figura para dotarse de personalidade xurídica

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exteriorTui
A-
A+

A Eurocidade Tui-Valença estudará a mellor figura para contar con personalidade xurídica propia. Unha das opcións baralladas é a constitución dunha AECT, Axencia Europea de Cooperación Territorial, pero poden existir outras alternativas.

Así o acordaron esta semana o alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, e o presidente da Cámara de Valença, Jorge Salgueiro, na reunión que mantiveron en Tui á que tamén asistiron o concelleiro da Eurocidade, Miguel Capón Rey, e o vereador de Cultura de Valença, José Monte. O obxectivo é poder levar a proposta elixida para dar personalidade xurídica á Eurocidade Tui-Valença ao próximo cumio hispano-luso.

Dous funcionarios, un do Concello de Tui e outro da Cámara de Valença, serán designados para encargarse dos temas da Eurocidade, entre eles estudar as diferentes opcións existentes para dotar a esta entidade de personalidade xurídica avaliando as vantaxes e inconvenientes das distintas opción que existan.

Outro dos asuntos tratados neste encontro foi a posta en marcha dun carné da Eurocidade que os veciños de Tui e Valença poderían solicitar de forma voluntaria.  Ao tempo os mandatarios das dúas cidades repasaron a estreita colaboración establecida no programa conxunto de actos que se realizan en diversos ámbitos coma o deportivo ou o cultural.

A Eurocidade Tui-Valença asume tamén a defensa e promoción do Camiño Portugués a Santiago tendo en conta que Valença é o último punto do seu percorrido en terras portuguesas e Tui a porta de entrada a Galicia. Lembran os mandatarios o valor histórico que posúe este camiño, pero tamén o auxe que este traxecto está experimentando nos últimos anos como reflicten os datos da evolución no número de peregrinos. Así no último Ano Santo, en 2010, foi realizado por 34.256 persoas.   Mentres en 2016 o Camiño Portugués – segundo os datos da Oficina de Acollida ao Peregrino -  foi o segundo máis transitado en dirección a Compostela con 52.145 peregrinos, o 18,76% do total, dos que 21.932 partiron da Eurocidade. Compre lembrar que a vella ponte internacional – rúa común da Eurocidade – foi sinalizada no punto medio de tal xeito que se pode ter un pé en Portugal e outro en España. Para dar a coñecer este percorrido amais a Eurocidade, dentro das Camiñadas Saudables o ano pasado organizou unha andaina de dous días polo traxecto do Camiño Portugués no termo municipal de Valença e de Tui.  Precisamente para continuar coa posta en valor deste camiño solicitarán dende a Eurocidade unha entrevista á Dirección Xeral de Turismo, Nava Castro, e ao xerente do Xacobeo, o tudense Rafael Sánchez Bargiela. 

26 de xaneiro de 2017 | 18:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.