publicidade hoxe

A Capela de Santa María acolle a presentación do libro-CD sobre Antón Corral

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaLugoLugo
A-
A+
Presentación do libro sobre Antón Corral

Presentación do libro sobre Antón Corral

O Presidente, Darío Campos Conde, presentou este martes na Capela de Santa María da Deputación o libro-CD Antón Corral. A alborada dun soño, escrito por Fina Fernández e con fotografías exclusivas de Vicente Ansola. Fíxoo xunto ao propio Antón Corral, un dos profesionais que participou no Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación, de onde xurdiu o proxecto Septimino de Gaitas, considerado o empuxe cara a ampla gama de tonalidades da gaita galega. O acto contou, ademais, con Carlos Núñez, artista internacional, que se formou con Antón Corral.

Campos Conde subliñou que “é unha honra que esta sala de exposicións da Deputación sexa o escenario da presentación na provincia de Lugo desta obra sobre a vida dun fiel defensor da artesanía e tradición galega. Antón Corral é unha figura clave na historia musical de Galicia, pois trátase dun dos mestres dun dos instrumentos máis importantes na música tradicional galega: a gaita”.

“O proxecto Septimino de gaitas de Antón Corral e Rogelio Leonardo Bouza, foi o empuxo definitivo cara a ampla gama de tonalidades da gaita galega. Este proxecto foi iniciado no ano 1979 no Obradoiro de Instrumentos Musicais da Deputación. Neste obradoiro, participaron grandes profesionais, como Antón Corral, converténdoo nun referente na investigación e formación de artesáns e intérpretes”.

“Este Goberno da Deputación aposta por continuar con este traballo en prol da conservación, divulgación e promoción do noso patrimonio cultural. Por este motivo, non dubidamos en colaborar coa divulgación deste libro-CD. Continuaremos con máis e novas colaboracións e traballos en impulso da artesanía e da tradición musical, pois contamos, ademais, con profesionais e medios punteiros para facelo. Por exemplo, o CENTRAD acolle unha colección punteira de Instrumentos Musicais, con réplicas do Pórtico da Gloria, que xa estiveron presenten en concertos do artista internacional que hoxe nos acompaña, Carlos Núñez. Neste intre, estamos a desenvolver un proxecto de documentación sobre investigacións das zanfonas históricas de Galicia e instrumentos medievais co obxectivo de poñelo a disposición dos artesáns”.

Antón Corral. A alborada dun soño

Este libro-CD reflicte con detalle a vida de Antón Corral, dende o seu nacemento na Coruña (uns días antes do inicio da Guerra Civil) ata a recepción do premio Martín Códax (entregado en 2016 pola asociación Músicos Ao Vivo), e no que se describe ao detalle o seu paso polos distintos obradoiros de Lugo, Ortigueira, Vigo e Tui, nos que levou adiante un importante traballo de construción e divulgación da música e dos instrumentos tradicionais populares galegos. Como complemento, a obra leva dous CD de agasallo cos 26 temas gravados en Lisboa, no ano 1987, polo grupo didáctico da Universidade Popular de Vigo, que formaban parte do álbum Instrumentos musicais populares galegos, ademais dunha versión inédita e orixinal para Septimino de gaitas, gardada por Antón Corral no seu arquivo.

Os Minhotos

Tamén participaron na presentación desta obra na provincia de Lugo a escritora, o fotografo e o editor da mesma, Pablo Quintana; así como a Deputada de Cultura e Artesanía, Pilar García Porto, e a Concelleira de Cultura, Carmen Basadre. Para pechar este acto, houbo unha actuación de Os Minhotos. Este grupo combina a estética e o gusto da formación tradicional coas harmonizacións clásicas, mesturando o son das gaitas e a percusión tradicional co timbre da zanfona, o acordeón, a requinta e o clarinete. Os cinco músicos desta formación son Alberte Castro (gaita, pandeiro, pandeireta e bombo), Bruno Villamor (gaitas, zanfona, requinta, pandeireta e tamboril), Paula Fernández (acordeón), Vitor Otero (zanfona, gaita e percusións) e Xaneco Tubío (tamboril, pandeiro, pandeireta, tixoletas, ferriño e bombo).

25 de xaneiro de 2017 | 17:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.