publicidade hoxe

A Deputación aproba o Premio Otero Pedrayo e a subvención de 100.000 euros para o Club Kayak de Foz

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFozLugo
A-
A+

Cumpríndose coas prioridades e obxectivos que o Presidente, Darío Campos Conde, se fixou para o Pleno Extraordinario que convocou para hoxe, na sesión aprobouse o pago de 2.000 euros ao Premio Otero Pedrayo e a concesión dunha subvención de 100.000 euros ao Club Kayak de Foz. Fíxoo porque o Goberno presentou as respectivas propostas de acordo imprescindibles para facelo, pois o PP, solicitante desta sesión, non o fixo.

Estas propostas debían ter sido aprobadas en outubro, pero non foi así porque o PP decidir votar en contra e non absterse, conseguindo paralizalas. Isto supuxo:

1º.- pór en perigo o pago ao galardoado, así como os 8.000 euros que achega á Xunta ao Premio Otero Pedrayo, pois a administración autonómica puxo de data límite para a aprobación do pago que lle corresponde ás Deputacións o 30 de novembro, que é mañá.
2º.- bloqueou a posta en marcha do proxecto de ampliación das instalacións do club focense. De feito, axunta á proposta de acordo, o Goberno da Deputación tamén presentou a solicitude do club de ampliación de 6 meses deste proxecto.

Por todo isto, e tendo en conta que o PP non presentou as propostas de acordo necesarias para revocar os acordos plenarios de outubro contrarios a estas iniciativas, foi o Executivo da Deputación o que as presentou. Hai que ter en conta, ademais, que como estes dous puntos (e non así as súas propostas de acordo correspondentes) estaban incluídos na orde do día do Pleno Extraordinario que solicitou o PP, estes non podían incorporarse á orde do día doutro Pleno, como tampouco se podía convocar outra sesión extraordinaria, ao existir xa solicitude para unha.

Sen propostas de acordo

O único que fixo o PP foi presentar unha orde do día (exactamente a mesma que a do Pleno de outubro) sen incluír as imprescindibles e novas propostas de acordo. As únicas que había eran as correspondentes ás mocións do PP e do Deputado non adscrito, pois foron asuntos retirados polos seus propios autores da pasada sesión plenaria, quedando pendentes para outro Pleno. Por todo isto, e tendo en conta que o Pleno da Deputación xa se tiña pronunciado e non había novas iniciativas do PP ao respecto, non se votou nada novo sobre a necesaria modernización dos servizos ferroviarios na provincia; o construción do Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando; o acondicionamento da estrada de Navia de Suarna á Fonsagrada; e a mellora das condición laborais dos traballadores dos parques de bombeiros da provincia de Lugo.

Compromiso da Deputación si, pero non da Xunta

Sobre este último asunto, o Presidente reiterou o seu compromiso con estes profesionais. Campos destacou que no Orzamento da Deputación para 2017 haberá unha partida de 330.000 euros para equiparar os salarios dos bombeiros de Lugo aos de Ourense. Cómpre remarcar que no presuposto do Consorcio Provincial de Bombeiros para o vindeiro ano, non se recolle este aumento salarial porque a Xunta, responsable do 50% deste organismo, non se comprometeu cos outros 330.000 euros imprescindibles. Hoxe o PP (Elena Candia) non quixo aclarar se vai a instar ao Goberno galego a facelo a pesares das reiteradas reclamacións que lle fixeron membros da Corporación (o Deputado do BNG, Xosé Ferreiro).

Posible ilegalidade

A pesares dos informes contrarios dos técnicos provincias de maior responsabilidade na Deputación, que son os dos servizos de Secretaría Xeral e Contratación, e das reiteradas advertencias por parte do Goberno sobre a ilegalidade de aprobar no Pleno asuntos que non son competencia deste órgano, senón da Xunta de Goberno, o PP decidiu omitir a lei e seguir adiante coa súa moción (que os técnicos estableceron que debía ser transformada en todo caso nun rogo para non incorrer nunha posible ilegalidade) de encomendar a Suplusa a construción das residencias de Folgoso do Courel e Portomarín. O PSOE votou en contra desta decisión unilateral do PP e o BNG abstívose, tendo en conta as advertencia legais.

Mocións con propostas de acordos

Puidéronse debater as mocións do PP e do Deputado non adscrito, pois contaban con propostas de acordo e os seus autores (no caso do Deputado non adscrito) autorizaron ao Partido Popular á súa presentación a esta sesión plenaria. Deste xeito, acordouse por unanimidade a creación dunha comisión de seguimento dos acordos plenarios cunha emenda do Goberno para suprimir as dietas correspondentes; e a colaboración de Deputación de Lugo e Xunta de Galicia cos Concellos e asociacións da provincia para a organización de cursos sobre socorrismo.

29 de novembro de 2016 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.