publicidade hoxe

A Xunta inicia as obras de mellora do firme na estrada AC-161, ao seu paso por Betanzos e Bergondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaBergondoBetanzos
A-
A+

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), inicia hoxe as obras de mellora do firme en puntos localizados da estrada As Angustias- Bergondo (AC-161).

Estas actuacións están enmarcadas nun contrato de obras de rehabilitación do firme en treitos nas estradas AC-542, AC-161, AC-163, AC-211, AC-174, AC-183 e AC-190, nos Concellos de Betanzos, Bergondo, Sada, Oleiros, Cambre e Abegondo.

Este contrato foi adxudicado á empresa Arias Infraestructuras S.A por un importe de máis de 397.000 euros e ten un prazo de execución de 6 meses.

Os traballos comezan na AC-161, onde se acondicionará a capa de rodadura en toda a estrada, de 4,1 km, nos Concellos de Betanzos e Bergondo. Unha vez que rematen estas actuacións, a Xunta iniciará as melloras nas outras vías.

As accións a desenvolver consisten, en primeiro lugar, no fresado e reposición da capa de rodadura naqueles tramos onde o firme estea deformado ou con fisuras. Posteriormente, naquelas zonas que presentan moitas fisuras, pero non están deformadas, ou en puntos nos que existan problemas de esvaramento, estenderase microaglomerado. Como último paso, estenderase a nova capa de rodadura e mellorarase a sinalización vertical onde sexa necesario, renovando barreiras de seguridade ou captafaros reflectantes en interseccións do citado treito.

O Goberno galego continúa a traballar no obxectivo prioritario de conservar a rede viaria autonómica en óptimas condicións coa fin de incrementar a seguridade viaria e proporcionar aos usuarios unhas vías cómodas que melloren a súa calidade de vida, potenciando o desenvolvemento económico e social dos municipios galegos.

6 de outubro de 2016 | 16:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.